Saltar ao contido

Cando as persoas ou entidades propietarias dun inmoble non respecte o deber de conservalo, o Concello poderá actuar de oficio para evitar o seu deterioro 

Activarase o rexistro de soares, para levar o control dos terreos onde se incumpran as obrigas de construción e rehabilitación

A Marea Atlántica acorda co goberno local unha serie de melloras na Ordenanza de Rehabilitación e Conservación de Inmobles, “destinadas a protexer o patrimonio e evitar que os edificios caian en estado de ruína e favorecer o Dereito á Vivenda”, segundo declara a nosa voceira, María García. Estes cambios foron aprobados hoxe na Xunta de Goberno Local e que irá ao vindeiro Pleno, o día 2 de decembro.

Así, froito do marco de negociacións entre a Marea Atlántica e o PSOE, introdúcense diversas medidas para que o Concello poida actuar de oficio no caso de abandono dun inmoble e protexelo no caso de que a persoa ou entidade propietaria no se faga cargo da súa rehabilitación. Deste xeito, evítase unha innecesaria declaración de ruína e o edificio pode continuar en uso, dando servizo á cidade. 

O Concello regula a súa potestade de executar subsidiariamente as obras ou traballos necesarios para a conservación do edificio, de cuxo custo deberá facerse cargo a propietaria. E nos casos máis graves, será posible aplicar o réxime de venda forzosa ou expropiación, cando se incumpra a obriga de edificar ou se falte á función social da propiedade. Nestes casos, a prioridade debe ser garantir o dereito a unha vivenda digna e axustarse aos plans de dinamización ou a protección e entorno patrimonial do inmoble, de ser o caso. 

A nova Ordenanza de Rehabilitación contén, ademais, o compromiso de manter o rexistro municipal de soares, tal e como fixeron os concellos de Santiago e Vigo, entre outros. Trátase dunha ferramenta para levar o control dos terreos nos que se incumpra o deber de edificar, e de aqueles edificios que incumpran o deber de conservación, sobre os que logo aplicar as medidas necesarias. Habilitar este rexistro é unha medida complexa, pero moi beneficiosa para as políticas públicas de vivenda. 

Vivenda social en Pontejos e  áreas de rehabilitación integral

Doutra banda, aprobouse hoxe o proxecto para construír un edificio con cinco vivendas sociais na rúa Marques de Pontejos, un traballo desenvolvido no mandato da Marea Atlántica. O inmoble respectará o trazado histórico da rúa, mellorando o espazo público e conservando o patrimonio. E demostrando que é posible facer políticas de vivenda social no centro da cidade. 

Ademais, na Xunta de Goberno Local de hoxe aprobouse a reactivación das Áreas de Rehabilitación Integral das vivendas sociais do Ventorrillo, o Grupo María Pita (Labañou) e a Cidade  Vella e Peixaría, que xa convocara o goberno de Xulio Ferreiro a finais de 2018. Agardamos que sexa un sinal de que o goberno local reactiva as políticas de rehabilitación, tras os atrasos dos últimos anos. 

María García explica que “a rehabilitación é unha política clave nun Concello, beneficiosa en moitos ámbitos: mellora a habitabilidade e o confort de vivendas antigas, habitualmente propiedade da clase traballadora, permite aforrar enerxía e loitar contra a emerxencia climática, mobiliza vivendas baleiras en desuso, frea o deterioro dos barrios e os conflitos que del se derivan”.

Acordamos co goberno local melloras na Ordenanza de Rehabilitación para evitar a proliferación de ruínas e protexer o patrimonio