Saltar ao contido

No terceiro trimestre do ano, o goberno do PSOE bateu a súa marca e gastou 2,6 millóns de euros en 587 contratos sen concurso público, una cifra que non deixa de medrar

Entre xullo e setembro, o importe medio de cada un destes contratos menores é de 4.469 euros, un 152% máis que no mesmo período do ano anterior

Ata 15 contratos menores, por 220.000 euros, dedícanse a facer propaganda das medidas do Concello fronte á COVID, mentres autonómos e pemes agardan para cobrar as axudas

 

O grupo municipal da Marea Atlántica denuncia un novo incremento dos contratos menores do goberno de Inés Rey, tras a publicación dos datos do terceiro trimestre do ano 2020. “Unha vez máis, estes contratos, opacos para a cidadanía e outorgados sen concurso público, a dedo, medran tanto en número como en importe”, denuncia Iago Martínez, vicevoceiro da Marea Atlántica e presidente da Comisión de Transparencia.

Entre xullo e setembro deste ano, o executivo local gastou 2,6 millóns de euros nesta figura contractual, a máis opaca das permitidas pola lei. A cifra representa unha suba do 169,4% con respecto aos mesmos meses de 2019, e un 56,7% máis con respecto ao segundo trimestre deste ano.  

 

Deste xeito, entre xullo e setembro deste ano asináronse 587 contratos opacos, un 28,7% máis que no trimestre anterior e un 6,5% máis que no mesmo período de 2019. Como explica Iago Martínez: “A Unión Europea recomenda reducir este modelo de contratación por ser enormemente opaco, pero o goberno municipal fai xusto o contrario. Aumentala trimestre tras trimestre, de xeito sistemático dende o inicio do mandato”.

O importe medio dos contratos menores neste intervalo foi de 4.469,3 euros, un dato co que Inés Rey bate a súa propia marca. Neste caso, é un incremento do 152,9% sobre o mesmo período de 2019, e un 21,7%  máis desde o segundo trimestre de 2020.

 

Ante todo, propaganda

Tamén chama a atención que ata 15 contratos a dedo estean dedicados a facer propaganda das medidas do Concello fronte a pandemia, por un total de 219.794 euros. Nove deles chegan ao límite dos 18.000 euros permitidos para un contrato menor. O volume de anuncios contrasta coa pouca eficacia á hora de outorgar ás axudas municipais. Gran parte das pequenas empresas e traballadores autónomos que as solicitaron levan máis de tres meses agardando a cobralas. E en moitos casos chegarán xa a un negocio pechado por falta de apoio.

O incremento dos fondos para a propaganda é unha constante neste goberno. Lembremos que xa en maio Inés Rey duplicou os fondos publicitarios da Alcaldía, ata superar o millón de euros. E aprobouno moito antes que calquera medida social fronte á pandemia.

Un goberno opaco

A transparencia do Concello da Coruña está en permanente retroceso desde que Inés Rey asumiu a alcaldía. As respostas ás preguntas da oposición no Pleno son incompletas, irregulares ou directamente unha mala broma, como cando se solicita o número de axudas tramitadas dentro do plan de choque contra a COVID e a resposta é un lacónico “si”.

O mesmo ocorre coas Comisións Informativas onde, ou non se atende ás solicitudes de datos sobre o traballo do goberno ou directamente non se comparece. É o caso da nova responsable de Cultura, Inés Rey, que non está presente en ningunha comisión nin rende contas do seu labor.

Os compromisos esixidos ao goberno municipal na Comisión de Transparencia ao comezo do mandato, aprobados por unanimidade a iniciativa da Marea Atlántica, están a ser sistematicamente incumpridos. Ningún dos informes periódicos que debía presentar o representante do goberno local está en poder da oposición.

 

O custo dos contratos opacos de Inés Rey medrou un 169% nun ano