Reclamamos que o servizo de canguraxe se reforce ao máximo e que se volvan abrir os patios dos centros de ensino para gañar espazos públicos seguros para a rapazada
María García: “No Pleno de xuño defenderemos unha moción para esixir que todas as institucións se impliquen e ofrezan alternativas ás familias á hora de conciliar a vida persoal, laboral e familiar”
A voceira da Marea Atlántica, María García, presentou esta mañá na Xunta de Portavoces unha serie de propostas para que o Concello da Coruña axude a fomentar a conciliación da vida persoal e profesional, como o reforzo ao máximo do servizo municipal de canguraxe e a apertura dos patios dos centros de ensino para gañar espazo público. O noso grupo levará tamén unha moción ao Pleno do mes de xuño, para esixir maiores garantías na conciliación.
“A progresiva volta ao traballo das familias a medida que avanza a desescalada, xunto ao peche dos colexios e moitas actividades tradicionais do verán, obriga a buscar novas respostas desde as institucións, que teñen que estar á altura do que precisa a veciñanza”, afirmou García.
Deste xeito, a Marea Atlántica suxire incrementar os fondos do contrato de canguraxe municipal, para aumentar tanto o número de familias beneficiarias do programa como o número de horas por familia. Tamén é preciso adaptar o funcionamento so servizo á situación actual de pandemia, garantindo a saúde e seguridade de usuarias e traballadoras. Ademais de ofrecer os equipos de protección necesarios, pode implantarse un sistema dixital de cita previa, xa que ata o de agora é obrigatorio reservalo fisicamente nas oficinas municipais.
Recuperemos os ‘Patios Abertos’
Suxerimos, polos mesmos motivos, recuperar o programa de Patios Abertos, implantado polo goberno de Xulio Ferreiro en 2019. Logrou que cinco centros escolares (Sanjurjo de Carricarte, Manuel Murguía, Alborada, María Pita e Juan Fernández Latorre) abriran os seus patios para o uso libre da rapazada, garantindo o dereito á cidade.
Neste momento, coas restricións que existen no espazo público, consideramos que debe rescatarse e ampliarse a todos os colexios da cidade, cos horarios e medidas de seguridade que sexan precisos. “En barrios con alta densidade de poboación e poucas zonas abertas, como a Agra do Orzán ou Os Mallos, abrir os patios escolares suporá un avance importantisimo”, argumenta María García.
Garantías para as persoas maiores
Finalmente, a nosa voceira reiterou a necesidade de reforzar os servizos municipais dirixidos ás persoas maiores, como xa fixo en varias ocasións. Dentro do Plan de Choque Social que o Concello da Coruña debe lanzar coa maior das urxencias (tras pasar 72 días de Estado de Alarma sen novidades) é preciso ter en conta ás nosas maiores, garantindo a atención a quen a precise e mellorando o sistema de valoración e seguimento, en base ás instrucións publicadas pola Secretaría de Estado de Dereitos Sociais.
Nesta liña, é preciso estender o Servizo de Axuda a Domicilio a novos casos de dependencia, e a ampliación dos servizos de lavandería, terapia, actividades de ocio e chamadas de control e acompañamento, así como mellorar a formación e o apoio tecnolóxico e reforzar as redes comunitarias con programas como Redeiras, creado no mandato anterior. E, por suposto, hai que seguir a traballar para eliminar o copago da Axuda a Domicilio, forzado polo PP coa escusa da Gran Recesión de 2008.