A Marea Atlántica preguntará no Pleno polas medidas do goberno local para conter o impacto da inflación
Máis da metade do orzamento de Servizos Sociais segue sen executar, e non se gastou un euro dos fondos para a promoción de vivenda pública en 2022
María García: “Non se pode deixar todo o traballo en mans das entidades sociais, que están desbordadas, mentres o Concello ten recursos sen gastar”
O grupo municipal da Marea Atlántica realizará no vindeiro Pleno unha pregunta oral ao goberno para coñecer que medidas ten previstas fronte ao extraordinario incremento da inflación, que se situou nun 9% en setembro logo de superar o 11,5% en agosto. Hai signos de melloría, pero a crise inflacionista segue a pesar nos fogares. Ante esta situación, resulta difícil de entender que o equipo de Inés Rey non execute os fondos previstos no Orzamento 2022 para servizos sociais, e para medidas relacionadas co dereito á vivenda ou as políticas de soberanía enerxética. Como sinala a nosa voceira, María García: “Non se pode deixar todo o traballo en mans das entidades socias, que comezan a estar desbordadas, mentres o Concello ten recursos sen gastar”.
Os produtos básicos da cesta da compra son dos que máis se encareceron nos últimos meses, seguidos dos alugueiros, mentres os prezos da enerxía están a conterse, pero seguen en niveis impensables o ano pasado. Unha combinación que se ceba especialmente cos fogares máis vulnerables. “Porén, sabemos que o goberno local chegou a setembro con seis de cada dez euros do orzamento de servizos sociais sen gastar, e cos 9 millóns destinados á políticas de vivenda pública practicamente sen tocar”, explica a nosa portavoz.
Desde a Marea Atlántica, queremos insistir na necesidade de convocar o Consello Local de Inclusión Social —creado no pasado mandato— para dialogar coas entidades e articular un plan de choque conxunto co que enfrontar os problemas máis urxentes, tecendo unha rede de apoios desde o eido local. Outros concellos xa o están a facer.
María García sinala que “todo apunta a que se aproxima un inverno moi duro, e non parece que o goberno local teña un plan para afrontalo, a pesar de que conta cuns orzamentos expansivos aprobados gracias ao apoio da Marea Atlántica”. Por iso, pediremos explicacións no Pleno que se celebra mañá, para que se executen as partidas previstas para aliviar os problemas da veciñanza en momentos complicados.
Lentitude nos avances e medidas sen executar
No último mes producíronse algúns avances, coma o inicio do contrato de obras para crear vivenda pública na rúa Marqués de Pontejos, ou a saída a licitación dun Plan de Saúde Mental pioneiro en Galicia, ambas medidas froito da iniciativa da Marea Atlántica nos Orzamentos 2022. Pero quedan moitas outras no caixón, coma o reforzo da bolsa de alugueiro socia de EMVSA ou a regulación das vivendas turísticas —que xa son máis que os alugueiros para vivenda habitual dispoñibles no mercado—. Tampouco se iniciou o concurso para reforzar o parque municipal coa compra de pisos, edificios e soares.
No eido social seguimos agardando pola ampliación da Renda Social Municipal, una prestación que é o último recurso para centos de fogares. Tampouco se aumentaron as horas no Servizo de Atención a Domicilio, nin se recuperou a unidade de saúde mental infantoxuvenil de Eirís.
E nunha área tan crucial coma a soberanía enerxética, a creación da empresa eléctrica municipal leva meses sen avances, a pesar de que podería ter aproveitado as medidas de aforro enerxético anunciadas polo Estado para impulsarse. Nada se sabe do Mapa das Enerxías Renovables e polo proxecto piloto para xerar enerxía con centrais minieólicas e solares en edificios públicos. No contexto actual de incerteza económica, a xente precisa solucións, non demoras.