Saltar ao contido
Rapaza pintando na escola

Os reforzos dos servizos de canguraxe e axuda no fogar, propostos pola Marea, seguen pendente de cumprirse, pese a estar incluídos nos Orzamentos 2020 e no plan de choque contra a COVID

Silvia Cameán: “A conciliación, que recae maioritariamente nas mulleres, xa era unha necesidade importante, pero tras a pandemia é urxente e inaprazable para un gran número de familias na nosa cidade”

 

A Marea Atlántica levará ao próximo Pleno do Concello da Coruña, este xoves 1 de outubro, unha moción na que reclama que a Xunta e o goberno municipal se impliquen máis nas políticas de conciliación, reforcen os servizos existentes e introduzan novas medidas para responder ás necesidades que está a crear a pandemia e que as familias con menores ou persoas dependentes non poden afrontar en solitario

A concelleira Silvia Caméan, presidenta da Comisión de Benestar Social, sinala que “coidar de quen nos coida non pode ser só un slogan escrito sobre papel mollado, debe traducirse en políticas eficaces que melloren a vida das persoas”. E dentro das múltiples facetas dos coidados, “a conciliación xa era unha necesidade importante, pero tras a pandemia é urxente e inaprazable para un gran número de familias na nosa cidade. A atención á infancia, ás persoas maiores e ás persoas con diversidade funcional queda maioritariamente en mans das mulleres”.

Neste sentido, a nosa iniciativa plenaria insta ao goberno municipal a cumprir os seus compromisos e aprobar, canto antes, o reforzo dos servizos de canguraxe e axuda no fogar. Por iniciativa da Marea Atlántica, a primeira destas medidas está incluída no plan de choque do Concello contra a COVID19, e a segunda nos Orzamentos 2020. Ambas seguen sen facerse realidade a data de hoxe. 

Novas medidas fronte á pandemia

Porén, nestes momentos de emerxencia sanitaria e social, é preciso ir máis aló. A nosa moción reclama a implantación de varias medidas para responder ás novas necesidades da veciñanza.

  • Ampliar a modalidade de “atención á infancia a domicilio” do servizo municipal de canguraxe, para acompañar a aquelas familias que teñan que gardar corentena por mor dun rebrote no seu centro escolar. 
  • Servizo de respiro familiar para as persoas coidadoras coa fin de aliviar a sobrecarga acumulada destes meses de pandemia.
  • Liña de axudas municipais que atenda as necesidades de conciliación da veciñanza, especialmente das familias máis vulnerables.
  • Ampliar as cláusulas sociais na contratación pública e concesión de subvencións, introducidas polo goberno de Xulio Ferreiro, e premie ás empresas que inclúan melloras para facilitar a conciliación do seu cadro de persoal.
  • Facilitar as solicitudes de teletraballo nos distintos servizos municipais, para facilitar a conciliación tamén entre o persoal municipal, e avanzar na implantación da Administración Electrónica, empregando os recursos que o PRESCO reserva para esta fin.

A irresponsabilidade da Xunta de Galicia

É necesario ir máis alá e reforzar ao máximo as medidas de conciliación, tamén desde a Xunta de Galicia, pois Feijóo está a facer da inacción o seu selo de identidade. Só na área metropolitana da Coruña hai 20 centros con casos positivos por coronavirus, e os fogares en corentena non teñen ningunha axuda, Moitas persoas terán que escoller entre arriscar o seu posto de traballo ou arriscar as saúde das avoas e os avós. Polo de agora, limitouse a anunciar en precampaña un plan de subvencións que tivo moita propaganda e pouco resultado. A maioría dos fogares aínda non cobraron.

Ademais, a Xunta decidiu manter os centros de día pechados pese á demanda de moitas familias, que dun día para outro quedaron sen unha atención profesional que frease o deterioro físico e cognitivo das persoas maiores e dependentes, á vez que aliviaba a sobrecarga de coidados nos fogares.

Finalmente a nosa moción tamén insta ao Estado a implicarse e sentar as bases dun cambio de modelo nos servizos de coidados. A Lei 39/1999 para promover a conciliación da vida familiar e laboral das persoas traballadoras, debe ser revisada, adoptando un enfoque integral que impulse o papel dos servizos públicos no coidado das persoas e promova cambios nos roles asumidos tradicionalmente por homes e mulleres.

“As administracións deben de estar a altura nun momento tan difícil para moitas persoas. O xogo de pasarse a pelota entre elas é unha irresponsabilidade. Botamos en falta que os gobernos falen menos de competencias e máis de incumbencias, sobre todo no referente a Educación e Conciliación”, conclúe a concelleira Silvia Cameán.

A Marea Atlántica leva a pleno unha iniciativa para esixir máis medidas de conciliación por parte da Xunta e o Concello