O primeiro paso debe ser a condonación dos alugueiros das vivendas municipais: non abonda cunha moratoria para quen está a quedar sen ingresos por mor da crise
Propoñemos crear unha oficina para asesorar á veciñanza, unha bolsa urxente de alugueiro social adaptada ás novas medidas do Estado e negociar cos grandes propietarios para mobilizar vivendas baleiras e turísticas
A Marea Atlántica reclámalle ao goberno municipal que aproveite as súas competencias e as vías abertas polo Estado e tome medidas para garantir o dereito á vivenda na Coruña durante a crise causada pola pandemia de coronavirus. Os primeiros pasos deben ser a condonación dos alugueiros nas vivendas municipais, a creación dunha oficina para asesorar á cidadanía nesta materia, a convocatoria urxente dunha bolsa de alugueiro social e a negociación cos grandes propietarios para mobilizar o parque de pisos baleiros e turísticos.
O executivo local limitouse a anunciar unha moratoria de alugueiros, unha medida ben intencionada pero claramente insuficiente xa que obrigaría ás inquilinas a saldar a débeda no futuro, e non todas poderán facelo. No marco do necesario Plan de Choque Social, para protexer ás persoas máis vulnerables, o Concello ten que dar exemplo e condonar o pago dos alugueiros nas vivendas das que é propietario, durante o máximo tempo posible, máis alá do estado de alarma.
O Real Decreto Lei 11/2020, de 31 de marzo, polo que o Goberno do Estado pon en marcha diversas medias para afrontar a situación de pandemia, contempla que as administracións públicas poidan facer unha quita dos alugueiros. Por iso pedímoslle á alcaldesa e o seu equipo que non ignoren esta posibilidade e lle tendan a man a quen o precisa, dándolle toda a información.
Ampliación do parque de vivenda pública para alugueiro social
Tamén é necesario acelerar as medidas de vivenda incluídas no pacto que a Marea Atlántica asinou co PSOE para o inicio do mandato municipal, e nas que case non houbo desenvolvemento, comezando pola creación dunha bolsa de alugueiro social para persoas vulnerables, a través de EMVSA, adaptándoa as novas posibilidades que abre o Real Decreto de medidas sociais contra a crise do coronavirus. En concreto, vén de mudar o Plan Estatal de Vivenda para permitir que os municipios merquen vivenda xa construída para dedicala ao alugueiro social, para o que contarían con subvencións do Estado. O Concello da Coruña ten que demandarlle á Xunta de Galicia que explore canto antes esta vía e preparar un convenio para sumarse a ese programa. Ademais, a medio prazo, debe activarse a construción de vivenda social no Ofimático, Pontejos e Panaderas, prevista xa nos nosos acordos.
Na mesma liña, reiteramos a necesidade de crear unha oficina telemática para asesorar á veciñanza en materia de vivenda, darlles a coñecer as axudas dispoñibles e as vías para solicitalas. Sería fundamental para resolver dúbidas e axilizar as solicitudes de apoio cando unha familia non pode facer fronte ao pago da súa vivenda habitual ou dos subministros básicos como auga e luz, unha situación que se está a agravar por mor do confinamento.
Negociación cos grandes propietarios polo ben da veciñanza
Desde o Concello da Coruña, é posible, e debe facerse, a negociación cos grandes propietarios para que se mobilicen o parque de vivendas baleiras na cidade e se poñan a disposición das persoas en risco de exclusión social. Do mesmo xeito, poden abrirse conversas con propietarios de pisos turísticos, cuxos ingresos serán incertos por moitos meses aínda, para que sumen estes inmobles e favorezan o dereito á vivenda.
Apoiamos as medidas que o Concello da Coruña está a tomar ata o de agora, como xa temos declarado, pero é o momento de ir máis alá e esgotar todas as vías para protexer á veciñanza ante a crise económica e social que xa se está a desenvolver e que precisará de todos os recursos públicos posibles.