Saltar ao contido

Quen fora concelleira de Medio Ambiente e primeira tenente de alcalde no anterior mandato asume agora a portavocía do grupo municipal. Iago Martínez será o vicevoceiro e coordinador político

Alberto Lema asumirá o cargo de deputado provincial que lle corresponde á Marea Atlántica na Deputación da Coruña

 

O grupo da Marea Atlántica no Concello da Coruña, co referendo da coordinadora da organización, decidiu nomear á concelleira María García como nova voceira municipal no mandato que vén de comezar. María García foi concelleira de Medio Ambiente e primeira tenente de alcalde na etapa anterior, e conta con probada capacidade de traballo e consenso. É licenciada en Ciencias Ambientais, máster en Medio Ambiente e Formación, e activista desde os 15 anos. Amósase “disposta a seguir deixando a pel, desde o Concello e desde a rúa, para sacar adiante políticas que poñan ás persoas no centro”.

Tamén se acordou que Iago Martínez asumise as funcións de vicevoceiro e coordinador político. Martínez, xefe do Gabinete de Alcaldía no mandato de Xulio Ferreiro, é licenciado en Xornalismo, exerceu a profesión en diversas cabeceiras e foi o coordinador das campañas electorais de 2015 e 2019.

Finalmente, Alberto Lema foi designado para o cargo de deputado provincial que lle corresponde á Marea Atlántica segundo os resultados electorais do 26 de maio. Lema foi concelleiro de Economía Social e Emprego, é licenciado en Filoloxía Inglesa e milita en política desde hai máis de vinte anos, comezando polas asociacións estudantís.

Este reparto de responsabilidades, decidido de xeito unánime, baséase nun dos obxectivos fundacionais da nosa organización municipalista: poñer a representación institucional, onde que seguimos a ter un peso decisivo, ao servizo das maiorías sociais.

María García, nova voceira municipal da Marea Atlántica