Saltar ao contido

A nosa voceira lembrou hoxe que, fronte á suba liñal do 3% no IBI que aplicará unilateralmente o goberno do PSOE, proporemos unha serie de medidas para avanzar na progresividade e a perspectiva ambiental de taxas e impostos

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, lembrou hoxe, durante a súa participación nun debate en Radio Coruña-Cadena SER, que grazas ao noso voto decisivo para aprobar os Orzamentos 2020, a cidadanía da Coruña poderá gozar dunha fiscalidade máis xusta, verde e progresiva. “Unha parte do noso acordo co PSOE é poñer en marcha, no primeiro trimestre deste ano, unha mesa de traballo para continuar coa reforma das Ordenanzas Fiscais do Concello, na mesma liña que mantivemos desde 2015”, afirmou.

“Os Orzamentos, aprobados co apoio imprescindible da Marea Atlántica, son unha boa noticia, pero teñen puntos que non nos gustan, entre eles, a suba do 3% no IBI de todas as vivendas, solicitada ao Estado, sen previo aviso, polo goberno do PSOE”, argumentou María García. “Obviamente, o Concello precisa ingresos para soster os servizos públicos, pero nós apostamos por conseguilos pédindolle un maior esforzo a quen máis ten, non con subas que non teñan en conta a renda”.

Continuar a liña de xustiza fiscal que comezou en 2015

Para compensar esta suba do IBI, puxemos sobre a mesa unha serie de avances na progresividade dos impostos municipais, na fiscalidade verde e facilidades de acceso a equipamentos e actividades para as persoas e colectivos vulnerables, que se concretarán nos vindeiros meses e entrarán en vigor, como moi tarde, en 2021.

Isto significa continúar a reforma da fiscalidade municipal na Coruña, cuxo último episodio foron as modificacións introducidas en outubro, grazas ás propostas da Marea Atlántica: ampliación do número de persoas que se benefician da cota cero nas taxas da auga, lixo e depuración (xa introducida no anterior mandato); mínimo vital garantido na auga e desconto do 50% no imposto de basuras a quen teña instalado un composteiro.

Demandas da veciñanza

O programa radiofónico contou coa participación da veciñanza, que trasladou ás súas demandas aos representantes dos grupos municipais. Alí puidemos comprobar que, pese ao prometido en campaña, o goberno do PSOE segue sen atender moitas das peticións máis recorrentes. É o caso das queixas pola falta de limpeza na Coruña, que de seguro se reducirán cando o Concello poña en marcha os novos contratos de recollida de lixo e limpeza viaria herdados da etapa de Xulio Ferreiro.

Tamén que moitas das solicitudes xa están recollidas nos Orzamentos 2020, a proposta da Marea Atlántica. É o caso da reforma dos campos da Torre, a remodelación da Praza das Conchiñas, a ampliación do Carril Bici, a mellora do saneamento en Eirís (na zona do Foxo), a biblioteca de Novo Mesoiro ou a mellora das liñas de bus, entre outras. Como argumentou María García, “vemos claramente a diferenza entre unha oposición que dialoga e fai propostas de cidade e a que sufrimos non anterior mandato, que se baseaba no bloqueo”.

María García: “O apoio da Marea Atlántica permitirá que os tributos municipais sexan máis xustos, sociais e verdes”