Saltar ao contido
Unha muller con paraugas vermello e máscara quirúrxica

Compostela Aberta, Ferrol en Común e Marea de Vigo demandarán ese reparto nos Plenos das dúas cidades, e Marea Atlántica fará o propio na Deputación da Coruña

As candidaturas municipalistas poñen en dúbida a capacidade das administracións estatal e autonómica para investir os 140.000 euros dos fondos comunitarios sen ter en conta aos municipios

As mareas municipalistas de catro cidades galegas reclamaron hoxe que os concellos poidan executar unha terceira parte dos Fondos Europeos de Recuperación, tanto a través de proxectos de xestión directa como de iniciativas transversais ou supramunicipais. Compostela Aberta, Marea Atlántica, Ferrol en Común e Marea de Vigo instan ao Goberno do Estado a ter en conta ás administracións locais no reparto deses fondos e á Xunta de Galicia a impulsar un mecanismo de diálogo entre as administracións públicas, axentes sociais e axentes socioeconómicos galegos para a correcta administración do Fondo de Recuperación europeo no noso país.

As mareas municipalistas defenden que, como administración pública máis próxima á cidadanída e como responsables de gran parte dos servizos básicos, “os Concellos deben xogar un papel fundamental para executar os Fondos Europeos de Recuperación porque teñen un especial coñecemento das necesidades da cidadanía, e máis no actual contexto de crise sanitaria e económica”. Compostela Aberta, Marea Atlántica, Ferrol en Común e Marea de Vigo inciden, ademais, en que España recibirá nos próximos seis anos 140.000 millóns de euros deses fondos comunitarios, “unha cifra elevadísima se a comparamos cos 40.000 millóns de euros dos fondos estruturais de investimento do sexenio 2014-2020, e que terá que ser executada nun periodo  moi breve de tempo, poñendo a proba a capacidade de gasto das administracións públicas”. As dificultades para a xestión destes recursos son aínda maiores, se temos en conta que o 70 por cento dos fondos terán queser destinados a proxectos específios entre os anos 2021 e 2022.

As eivas do financiamento local

Compostela Aberta, Ferrol en Común e Marea de Vigo levarán aos Plenos das súas respectivas cidades cadansúa moción para reclamar a participación dos concellos na xestión dos fondos europeos,  mentres que Marea Atlántica trasladará a reclamación ao Pleno da Deputación da Coruña. As mareas municipalistas lembran que “as administracións locais seguen sen dispoñer dun sistema de financiamento xusto e seguro, manexan escasamente o 15 por cento do total do gasto público, pero pola contra son responsables de servizos básicos, do coidado das persoas e do medio ambiente, do mantemeno do espazo público ou de garantir a convivenvia”. Para as catro organizacións, “o Estado ten pendente a necesaria reforma municipal que permita un financiamento suficiente e sostible dos concellos, con criterios de progresividade, xustiza social e sostibilidade ambiental”.

Nas propostas que as mareas municipalistas levarán aos diferentes concellos e á Deputación da Coruña, ínstase ao Goberno do Estado a organizar un mecanismo de reparto do Fondo Europeo de Recuperación para que este poida ser executado nun 33 por cento polos Concellos, un 20% de xeito directo e un 13% en proxectos transversais ou supramunicipais. Tamén se insta á Xunta de Galicia a impulsar un mecanismo de diálogo entre as administracións públicas, axentes sociais e axentes socioeconómicos galegos para a correcta administración do Fondo de Recuperación europeo no noso país. Por último, pídese aos Plenos dque se dea conta do acordo á FEGAMP, á FEMP, así como a todos os grupos do Parlamento de Galicia, e a todos os grupos que conten con representación galega nas cortes do Estado.

As mareas municipalistas reclaman que os concellos xestionen unha terceira parte dos Fondos Europeos de Recuperación