Saltar ao contido

Como expresamos o pasado 5 de setembro, dende a Marea Atlántica ollamos con interese o nacemento, en diferentes vilas e cidades do país, de procesos municipalistas onde o esencial, ademais de deseñar un marco democrático de confluencia entre actores sociais e políticos, ten que ser a composición dun espazo amplo liderado polo protagonismo cidadán.

 

O horizonte que se abre está cheo de elementos para a esperanza e evidencia que o desexo de recuperar o poder municipal para a xente está en marcha. Con todo, o escenario introduce tamén desafíos e preocupacións que debemos abordar colectivamente, de forma honesta e transparente.

 

Os elementos de preocupación son fundamentalmente dous:

dunha banda, a necesidade de garantir e potenciar o liderado cidadán e non partidario das iniciativas que están a agromar;

da outra, as problemáticas derivadas do deseño institucional do Réxime, que baleira de competencias, e polo tanto de ferramentas de transformación, as administracións municipais.

 

Pensamos que para canalizar a esperanza, analizar colectivamente as nosas preocupacións e poñer en común metodoloxías é necesario atoparse e falar. E por iso, dende a Marea Atlántica, propoñemos un encontro para dialogar e intercambiar ideas e experiencias con aqueles procesos que, coma o noso, perseguen a construción dun proceso de confluencia liderado pola cidadanía capaz de producir un cambio nas institucións en maio de 2015.

 

Convocamos, pois, unha Marea municipalista, en forma de encontro e obradoiro de traballo, o vindeiro sábado 4 de outubro, de 11.30 a 18.00 horas, nun lugar por determinar na cidade da Coruña.

_MG_3134

Mareas | Marea municipalista