Xulio Ferreiro, candidato da Marea á alcaldía da Coruña, Rocío Fraga, número dous da lista da plataforma cidadá, e José Manuel Sande, posto cinco da candidatura, acudiron -dentro da iniciativa #MareaEscoita- a unha xuntanza doa directiva da Real Academia Galega, encabezada polo seu presidente, Xesús Alonso Montero. Durante a mesma, os membros da Marea Atlántica amosaron a súa total disposición a que o Concello da Coruña afonde na colaboración coa RAG, coa que contarían para proxectos culturais como A Caixa da Memoria ou o Plan Municipal de Lectura. Ademais, a Marea reafirmou o seu apoio ao fomento da lingua galega, á celebración en 2016 do Centenario do nacemento das Irmandades da Fala e A Coruña como Cidade das Letras, favorecendo a creatividade local. Tamén se reuniron coa dirección técnica da Casa Museo Pardo Bazán, coa que a Marea comparte a disposición a coordinarse mellor co Concello e integrala nuns roteiros culturais e turísticos da cidade.