Saltar ao contido

Regulamento da Marea Viva

Descarga o documento de Regulamento da Marea Viva en formato PDF 

Preámbulo

A Marea Viva é o proceso participativo a través do cal a Marea Atlántica definirá:

  • O Código Ético que asumirán os seus cargos electos.
  • O xeito no que elaborará o seu programa participativo para gobernar o Concello da Coruña e o proceso de Primarias polo que se escollerá a candidatura da Marea Atlántica ás eleccións municipais de maio de 2015.
  • A fórmula xurídica coa se presentará ás eleccións e as liñas esenciais que caracterizarán a súa forma de goberno.

O proceso constará de tres momentos sucesivos cronoloxicamente:

  • A Marea Baixa, que terá lugar os días 9, 10 e 11 de xaneiro. Un espazo de formación, reflexión e debate.
  • Periodo Entre Mareas. É o momento de presentación de propostas, que dean resposta ás tres liñas de traballo anteriormente indicadas. Transcorrerá do 12 de xaneiro ao 5 de febreiro.
  • A Marea Alta, que terá lugar os días 6, 7 e 8 de febreiro. Neste momento tomaranse as decisións de entre as propostas emanadas do espazo Entre Mareas.

Art 1.- Censos:

A fin de propiciar que o proceso sexa o máis participado posible, o censo da Marea Viva abrirase en dúas oportunidades.

1.1.- Para a Marea Baixa e o periodo Entre Mareas, pecharase o 8 de xaneiro de 2015 ás 23:59 horas.

1.2.- Para a Marea Alta, pecharase o 5 de febreiro de 2015 ás 15:00 horas.

Art 2.- Censo da Marea Baixa e periodo Entre Mareas:

2.1.- Formarán parte do censo da Marea Baixa as persoas inscritas en Mareas e Grupos de Traballo antes do 8 de xaneiro de 2015.

2.2.- A fin de ratificar o censo, a Mesa de Arbitraxe contrastará coas persoas encargadas da coordinación de Mareas e Grupos de Traballo os datos censais á data de peche.

Art 3.- Censo da Marea Alta:

3.1.- Formarán parte del as persoas inscritas en Mareas e Grupos de Traballo antes do 5 de febreiro de 2015. A fin de ratificar o censo, a Mesa de Arbitraxe contrastará coas persoas encargadas da coordinación de Mareas e Grupos de Traballo os datos censais á data de peche.

3.2.- Tamén terán dereito a voto aquelas persoas asinantes do Manifesto da Marea Atlántica que o demostren presencialmente durante a Marea Alta ante a Mesa de Arbitraxe. A sinatura do Manifesto estará aberta a estes efectos até o prazo sinalado no art. 1.2.

Art 4.- Marea Baixa:

4.1.- A Marea Baixa configúrase como un espazo de formación, reflexión e debate.

4.2.- Poderá participar da Marea Baixa calquera persoa, estea inscrita ou non no censo da Marea Atlántica. En caso de limitación de prazas, terán prioridade as persoas inscritas previamente na páxina web da Marea Atlántica.

Art 5.- Textos Marco:

5.1.- Os Textos Marco aprobaranse e validaranse pola Mesa de Arbitraxe como documentos en forma de plantilla, que fixarán a estrutura das Propostas que se presentarán durante o periodo Entre Mareas.
5.2.- Para fixar o contido dos Textos Marco, a Mesa de Arbitraxe terá en conta o traballo realizado polo Grupo de Traballo de Marea Viva e as achegas efectuadas durante a Marea Baixa. Estes textos faranse públicos antes do martes 13 de xaneiro ás 23:59 horas.

5.3.- Haberá 3 documentos marco:

  1. Documento de Código Ético. Fixará o código ético ao que se someterán os representantes electos da Marea Atlántica.
  2. Documento de Forma de Goberno. Definirá a forma de presentación ás eleccións e os criterios básicos da acción institucional da Marea Atlántica.
  3. Documento de Primarias e Programa Participativo. Determinará o sistema de primarias polo que se elexirá a candidatura ás Eleccións Municipais da Coruña da Marea Atlántica e a confección do Programa de Goberno.

5.4.- Os documentos marco fixarán os campos obrigatorios, aos que as Propostas deberán dar resposta para ser admitidas a trámite.

Art 6.- Periodo Entre Mareas:

6.1.- O periodo Entre Mareas desenvolverase entre o 14 de xaneiro de 2015 e o 5 de febreiro de 2015.

6.2.- Ao longo destes días presentaranse as Propostas Iniciais, publicaranse, abriranse á valoración cidadá, transaccionaranse e publicaranse as Propostas Definitivas que concorrerán á Marea Alta.

Art 7.- As Propostas Iniciais:

7.1.- O prazo para presentar as Propostas Iniciais diante da Mesa de Arbitraxe ábrese o 14 de Xaneiro de 2015 e péchase ás 23:59 horas do 20 de xaneiro e 2015. Farase por correo electrónico enviado a mareaviva@mareatlantica.org.

7.2.- As Propostas Iniciais faranse públicas antes das 23:59 horas do día 21 de xaneiro de 2015.

7.3.- Poden presentar Propostas Iniciais as persoas que figuren inscritas no Censo para a Marea Baixa e periodo Entre Mareas, de acordo co sinalado no art. 2.

7.4.- As Propostas Iniciais terán que estar asinadas por cinco persoas que non pertenzan todas elas a un mesmo Grupo de Traballo ou Marea.

7.5.- Cada persoa só poderá asinar unha única Proposta a cada unha das liñas de traballo fixadas polos tres documentos marco. En caso contrario, a proposta recibida no último lugar non se admitirá a trámite.

7.6.- As Propostas deberán ter cubertos os campos obrigatorios así definidos no Texto Marco de cada liña de traballo, no caso contrario non se admitirán a trámite. Así mesmo, as propostas seguirán a estrutura dos textos marco a fin de facilitar a súa homoxeneidade.

7.7.- Cada proposta poderá incluír un título ou un acrónimo que a identifique. Cada grupo asinante facilitará ademais á Mesa de Arbitraxe un correo electrónico e un teléfono de contacto que se porá a disposición dos restantes grupos a efectos de facilitar o proceso de acordos e transaccións regulado no artigo 9.

7.8.- Caso de detectarse algunha eiva formal, a Mesa de Arbitraxe devolverá a Proposta ao equipo redactor para a súa subsanación. A subsanación non interromperá os prazos, de xeito que a data límite de presentación da Proposta subsanada seguirá a ser a sinalada no apartado 1 do presente artigo.

Art 8.- Publicación das Propostas Iniciais

8.1.- As Propostas Iniciais para cada liña de traballo publicaranse na páxina web da Marea Atlántica a petición da Mesa de Arbitraxe antes das 23:59 horas do día 21 de xaneiro de 2015.

8.2.- A publicación posibilitará que a cidadanía poida valorar, así como facer comentarios e achegas a cada proposta presentada.

Art 9.- Propostas Definitivas:

9.1.- As Propostas Definitivas poderán ser idénticas ás Iniciais ou experimentar algún cambio de acordo coas achegas cidadás ou os acordos entre os equipos redactores. No caso de que existan modificacións entre as Propostas Iniciais e as Definitivas, estas últimas deberán ser comunicadas á Mesa de Arbitraxe do xeito sinalado no art. 7.1 antes das 23:59 horas do 4 de febreiro de 2015.

9.2.- Unha vez publicadas as Propostas Iniciais, os diferentes grupos redactores poderán pactar e refundir propostas. No caso de que unha Proposta Definitiva sexa o resultado da transacción ou refundición de dúas ou máis Propostas Iniciais, este feito deberá comunicarse á Mesa de Arbitraxe e explicitarse na propia proposta para o coñecemento dos e das participantes no proceso. Do mesmo xeito, se unha proposta se retira como resultado das modificacións realizada noutra ou noutras, tal feito deberá tamén ser comunicado á Mesa de Arbitraxe e facerse público.

9.3.- As Propostas Definitivas para cada liña de traballo publicaranse na web da Marea Atlántica a petición da Mesa de Arbitraxe antes do día 5 de febreiro de 2015.

9.4.- As Propostas Definitivas deberán ter cubertos os campos obrigatorios así definidos no Texto Marco de cada liña de traballo, no caso contrario non se admitirán a trámite. Así mesmo, as propostas seguirán a estrutura dos textos marco a fin de facilitar a súa homoxeneidade.

Art 10. A Marea Alta:

10.1.- A Marea Alta é un espazo decisorio onde se defenderán e votarán as Propostas Definitivas existentes en cada unha das tres liñas de traballo.

10.2.- As persoas censadas de acordo co previsto no art. 3.1 terán dereito a voto na Marea Alta tanto telemática coma presencialmente.

10.3.- O periodo de votación telemático comezará o 8 de febreiro ás 10.00 horas e rematará o 8 de febreiro ás 18:00 horas.

10.4.- Tamén terán dereito a voto aquelas persoas asinantes do Manifesto da Marea Atlántica que o demostren presencialmente durante a Marea Alta ante a Mesa de Arbitraxe. A tal fin, habilitarase unha mesa de votación o día 8 de febreiro de 10.00 a 18.00 horas. Neste horario, sempre estará presente cando menos unha persoa da Mesa de Arbitraxe.

10.5.- Os grupos redactores poderán ter unha persoa presente na mesa de votación en calidade de interventora, se así o desexan.

10.6.- Unha vez pechada a mesa de votación, procederán a votar as persoas integrantes da Mesa de Arbitraxe.

10.7.- Unha vez efectuado o reconto de votos presenciais e telemáticos, a Mesa de Arbitraxe emitirá a acta co resultado. A acta farase pública á maior brevidade posíbel e, en todo caso, no mesmo día.

Art. 11. Mesa de Arbitraxe:

11.1.- A mesa de arbitraxe terá, ademais das sinaladas anteriormente, as seguintes funcións:

  1. Garantir o cumprimento do presente regulamento
  2. Resolver os conflitos que se poidan dar na aplicación do presente regulamento.
  3. Interpretar o presente Regulamento e encher, no seu caso, os baleiros normativos no mesmo, de acordo cos principios que o inspiran.
  4. Actuar como mesa electoral, garantindo o correcto desenvolvemento das votacións sobre as propostas, proclamando os resultados das mesmas e, no seu caso, resolvendo as impugnacións que os asinantes das propostas poidan realizar.>

11.2.- A Mesa de Arbitraxe estará formada polas cinco persoas que designe, no seu momento, a REDE. As persoas integrantes da Mesa de Arbitraxe non poderán asinar propostas.

11.3.- As decisións da Mesa de Arbitraxe tomaranse preferentemente por unanimidade. No caso de que tal unanimidade non poida ser acadada, tomaranse por maioría simple.

11.4.- No caso de que fose preciso substituír algunha ou algunha das persoas que conforman a Mesa de Arbitraxe, por imposibilidade destas de seguir formando parte da mesma, serán os restantes membros da Mesa os que designarán quen debe ocupar o lugar do/a ou dos/as ausentes.

11.5.- No caso de que sexa necesario designar un ou unha suplente, os criterios que a Mesa de Arbitraxe seguirá para a súa elección serán os seguintes:

  1. Deben existir na Mesa persoas que pertenzan a diferentes grupos de traballo e Mareas.
  2. As persoas elixidas deben ter un perfil conciliador.
  3. Non poden pertencer á Mesa de Arbitraxe persoas con militancia nos partidos políticos chamados á confluencia.
  4. As persoas designadas deben posuír un coñecemento profundo da evolución do proceso de deseño da Marea Viva.
  5. O grupo debe ser paritario, criterio que será preferente ao anterior.
  6. Cando menos unha das integrantes da Mesa debe ter formación específica en cuestións de xénero.

11.6.- Cando a Mesa de Arbitraxe o considere procedente, por esixilo a cuestión ou cuestións concretas a resolver, poderá procurarse asesoramento legal externo.