Un foro de cinco semanas previo á convocatoria das nosas primarias e á conformación da candidatura coa que nos presentaremos aos comicios municipais de maio de 2015 para gañar e poñer as institucións da cidade ao servizo da cidadanía coruñesa. A Coruña para o 99%.
Durante a Marea Viva dotarémonos, de maneira democrática e logo dun profundo debate, de tres ferramentas básicas para presentarnos ás eleccións:
- o sistema de primarias co que confeccionaremos a nosa lista e a metodoloxía para a elaboración participativa do programa electoral
- o código ético que asumirán os nosos cargos electos e
- a forma xurídica coa que concorreremos finalmente aos comicios de maio de 2015.
Aberta á cidadanía, previa inscrición no formulario, a Marea Viva segue unha ruta de navegación con tres escalas. A primeira, chamada Marea Baixa, é a que ten lugar a vindeira fin de semana, de venres a domingo, e está dedicada á reflexión e ao debate. Na segunda, Entre Mareas, a máis longa, presentaranse propostas para cada unha das áreas de debate. Finalmente, na Marea Alta, na fin de semana do 6 ao 8 de febreiro, votaremos as propostas definitivas.
A partir de aí xa estaremos en disposición de convocar as primarias e armar o programa electoral co que nos propoñemos transformar A Coruña nunha cidade aberta, plural, transparente, sostible e cívica. A cidade que nunca debeu deixar de ser.
Marea Baixa: tres días de obradoiros e coloquios
A nosa primeira escala, a Marea Baixa, componse de coloquios, obradoiros e plenarios que, ao longo da fin de semana vindeira, afondarán nas cuestións sobre as que se van tomar decisións a curto prazo. Participarán expertas e expertos, convidados e convidadas doutras iniciativas municipalistas de todo o estado, cidadáns e cidadás activas no día a día da Marea Atlántica e representantes de todas as forzas políticas que, a tal hora, están a apoiar o proceso dende abaixo, a través do traballo, a título estritamente individual, dos seus e das súas militantes.
As portas abriranse o venres 9 de xaneiro ás 17.00 horas e media hora máis tarde comezará o acto de presentación, no que varias persoas da organización explicarán polo miúdo todo o proceso da Marea Atlántica e resolverán as dúbidas dos participantes. Ás 18.30, finalmente, terá lugar no auditorio do IES Elviña Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) un coloquio sobre municipalismo de ruptura democrática con representantes de Guanyem Barcelona (Gala Pin), Ganemos Madrid (Pablo Carmona), Ames Novo (Xaime Subiela), Ourense en Común (Martiño Ramos) e a propia Marea Atlántica.
Na xornada do sábado 10, logo dunha sesión formativa sobre xestión de administracións locais (10.00 horas), a Marea Viva entrará en materia. Pola mañá abordarase a discusión sobre o sistema de primarias para a confección da candidatura, primeiro no auditorio cun relatorio de Pablo Carmona, de Ganemos Madrid (11.30 horas), e despois cunha dinámica de traballo por grupos (12.30) e unha posta en común final no auditorio do centro (13.30).
Para o traballo por grupos empregaranse distintas aulas e a posta en común será de novo no auditorio. Pola tarde seguirase o mesmo sistema para traballar sobre o código ético, con Gala Pin, de Guanyem Barcelona (16.00), como relatora.
A mañá do domingo dedicarase, despois dunha charla sobre orzamentos municipais, á terceira grande área de debate da Marea Viva: a fórmula xurídica coa que presentarse ás eleccións, o papel do municipalismo nas institucións supramunicipais, a relación con outras forzas políticas tras as eleccións e as liñas básicas da acción de goberno da Marea Atlántica (participación, transparencia, rendición de contas, etc). A metodoloxía será a mesma que a empregada o día anterior: un relatorio inicial de Xaime Subiela, de Ames Novo (11.00 horas), traballo en grupos e posta en común.
A Marea Baixa pecharase o domingo pola tarde cun coloquio sobre o reto da confluencia ao que serán convidadas todas as forzas políticas que se sentiron interpeladas polo manifesto da Marea Atlántica e tiveron contactos até agora co proceso: Anova, Esquerda Unida, Podemos, BNG, Equo, Espazo Ecosocialista, Compromiso por Galicia e Partido Humanista.
Entre Mareas: o tempo das propostas
A segunda fase da Marea Viva é tamén a máis longa. Vai do 14 de xaneiro ao 5 de febreiro e está dedicada ás propostas.
Calquera persoa activa nun grupo de traballo, unha marea de barrio ou unha marea temática da Marea Atlántica a día 8 de xaneiro, data en que se pecha este primeiro censo, poderá presentar propostas para calquera dos tres puntos nos que se agrupan os debates da Marea Viva:
Deberá facelo entre o 14 e o 20 de xaneiro, tal e como se explica no Regulamento da Marea Viva. Con dúas condicións: unha persoa só pode presentar unha proposta en cada unhas das áreas e cada proposta debe ir asinada por cinco persoas que pertenzan, como mínimo, a dous grupos de traballo ou mareas diferentes.
Pechado o prazo de recepción e unha vez comprobado que todas cumpren as condicións —responsabilidade da Mesa de Arbitraxe, o órgano encargado de velar pola limpeza do proceso e de garantir a igualdade de oportunidades—, as propostas publicaranse na páxina web o día 21 de xaneiro.
A partir dese momento, calquera cidadán ou cidadá poderá formularlle preguntas aos equipos redactores, valorar as propostas ou propoñer melloras. Os equipos redactores, pola súa banda, poderán chegar a acordos entre si e refundir as súas propostas.
Finalmente, o 5 de febreiro votaranse as propostas definitivas, data na que se actualizará tamén o censo para enfiar rumbo á Marea Alta.
Marea Alta: a toma de decisións
A fin de semana do 7 e 8 de febreiro terá lugar no IES Elviña nun lugar por determinar a Marea Alta, a última fase da Marea Viva, destinada á toma de decisións. Será o intre en que os equipos redactores defendan as propostas definitivas e estas se voten, tanto presencial —persoas censadas ou calquera asinante do manifesto— como telematicamente —só as persoas censadas—.
Nese momento, a Marea Atlántica xa estará en disposición de convocar as súas primarias e de abordar a confección do programa electoral participativo. Saberá, ademais, como vai concorrer ás eleccións, cal será o código ético dos seus cargos electos e como vai exercer as súas funcións no Concello da Coruña.
Como podo participar?
Rematou a Marea Baixa, agora estamos no tempo Entre Mareas, podes participar nel comentando e valorando as propostas presentadas na ferramenta habilitada para isto: http://participa.mareatlantica.org/
Abriremos un novo proceso para a Marea Alta (7 e 8 de febreiro de 2015), onde se defenderán en votarán as propostas que rixan o funcionamento da Marea Atlántica a partir dese momento.
Lembra que, para participar na Marea Viva é necesario asinar o Manifesto . Asináchelo?
Os comentarios están pechados.