A política parece sempre cousa de outras. Que a min non me toca decidir nin participar máis que en datas simbólicas ás que chaman «a festa da democracia», cada catro anos e con moita parafernalia.
A democracia non é unha festa. Ou non só. Implica tamén un labor e unha responsabilidade: unha corresponsabilidade. A participación directa en políticas ao noso alcance é máis que posible. En política todas pintamos algo.
Na Marea Viva estamos poñendo ao alcance da veciñanza da cidade da Coruña a posibilidade de participar nos documentos que dan carta de natureza ao proxecto rexenerador e imparable da Marea Atlántica. Abrimos un espazo na web habilitado a tal efecto. Agora hai 12 documentos no forno para os 3 eixos temáticos que marcan o rumbo; eses documentos non só se poden consultar libremente, tamén comentar, contraargumentar e votar.
Podes acceder a o espazo participativo dende aquí (tamén premendo na pestana Marea Viva na franxa superior desta web) e, seguindo estas normas de uso, colaborar. Por suposto, desexamos que o fagas. A política non é un 1% estafando a un 99%: é un 99% marcando o rumbo a seguir.
Participas?