Será organizada por unha comisión de traballo aberta a toda a organización e celebrarase contando con todas as garantías sanitarias ás que obriga a pandemia.
A Marea Atlántica celebrará a Marea Viva, o seu máximo órgano de toma de decisións, nun proceso que comezará antes do remate deste ano. O obxectivo será adaptar a estrutura e o proxecto estratéxico da organización ao momento político actual. A voceira da Coordinadora, Inés Cebreiro, comunicoullo onte á nosa asemblea, a Rede, e anunciou que as tarefas para organizala comezan hoxe mesmo.
A organización da Marea Viva recae nunha comisión de traballo, aberta a todas as persoas da organización que desexen participar. Esta comisión estará encargada de propoñer o formato e a estrutura, das tarefas loxísticas, de dinamización e de seguridade para permitir que o evento poida levarse a cabo coas limitacións obrigadas pola pandemia.
O prazo para sumarse está aberto ata a convocatoria da vindeira Rede, que será na semana do 12 ao 18 de outubro, agás imprevistos. Nesa asemblea someterase a aprobación a composición do novo órgano.
A celebración desta Marea Viva é unha obriga fixada polos Estatutos da Marea Atlántica. Ten caracter bianual, e estaba previsto realizala antes do verán, pero o confinamento obrigou a pospoñela.