Saltar ao contido

Manifesto da Marea de Oza: “A política é unirnos, axudarnos, tecer redes. Construír a cidade dende os barrios”

O sábado 1 de abril botou a andar a Marea de Oza, nun acto de rúa celebrado na unión da Gaiteira coa avenida de Oza, e no que participou o alcalde e veciño do barrio, Xulio Ferreiro. Neste día, Ferreiro lembrou que “non esquecemos de onde vimos” e explicou que a Marea de Oza quere ser un pulmón máis para facer política dende os barrios”. Por iso, o encontro lembrou o movemento que se iniciou en 2014 para levar á xente do común ao Concello da Coruña, e que segue en marcha para transformar a cidade.

C8UrlN8XgAUEzXp.jpg large

 

O acto comezou coa lectura dun manifesto que reivindicou a rica memoria de Oza, e no que se lembrou que “a política é unirnos, axudarnos, tecer redes. Construír a cidade dende os barrios”. E no barrio centrou a súa intervención Xoán Mosquera, que recuperou a memoria deste lugar da Coruña, que nunca esqueceu o seu pasado mariñeiro, pese aos intentos de asulagalo entre a especulación e a tristura: “Nos barrios a xente coñécese, fóra do barrio comeza o anonimato”.

 

C8UnaiRW0AMqRDp.jpg large

 

E cando se abriu o micro á participación da veciñanza, Oza agromou con toda a forza. Falouse da importancia do mar para a cidade e dos empregos que sempre creou nesta e noutras zonas. Fíxose un chamamento a defender os peiraos contra a ditadura do cemento. E recordouse que a política é, sobre todo, xuntarse con quen tes ao teu lado, construír e tecer redes. Algo que nunca se debe esquecer.

A Marea De Oza reunirase todos os sábados ás 11.30 no Centro Cívico de San Diego. Se queres participar, vémonos aló!

 

C8UwayzXgAQVf6p.jpg large

 

 

Benvida á Marea de Oza