Saltar ao contido

Recollemos a denuncia das ANPAS e reclamamos que Feijóo recupere as prazas docentes de audición e linguaxe, pedagoxía terapéutica e apoios en educación infantil, que afectan polo menos a 8 colexios da Coruña

O grupo municipal da Marea Atlántica rexistrou unha moción contra os recortes que a atención á diversidade está a padecer no ensino público, que será debatida no Pleno do vindeiro 7 de novembro. Tal e como denunciaron as Asociacións de Nais e Pais en varias mobilizacións, o goberno de Feijóo na Xunta de Galicia eliminou tres prazas docentes de audición e linguaxe, tres de pedagoxía terapéutica e numerosos apoios en educación infantil. Unha situación moi grave, que afecta polo menos a oito colexios da Coruña.

Ante as demandas das ANPAs, a única resposta da Xunta foi aplicar “medidas correctoras”, con profesorado a tempo parcial, un parche que non resolve o problema. Como di o texto da moción: “este xeito de proceder afonda na conculcación do dereito constitucional a unha educación de calidade e en igualdade de condicións, e ataca un dos elementos básicos para a redución do fracaso escolar: o labor de orientación e atención ás necesidades especiais do alumnado”. Así o recoñece un recente informe da ONU, que conclúe que no Estado Español existe segregación e exclusión do alumnado con diversidade funcional.

O programa Poténciate como exemplo

No texto tamén se lembra que o goberno da Marea Atlántica puxo en marcha o programa Poténciate, con diferentes accións de reforzo educativo nos centros cívicos, e con reforzo da atención á diversidade nos colexios que o solicitaron. Unha aposta contra os recortes que debería manterse.

Por iso, buscaremos o apoio maioritario no pleno para condenar os recortes de Feijóo no ensino, apoiar a educación pública de calidade, e instar á Xunta a recuperar as prazas que eliminou este curso, sen parches. Ademais, procuraremos que o goberno municipal se comprometa a conservar o programa Poténciate.

A Marea defenderá no vindeiro Pleno unha moción contra os recortes en atención á diversidade no ensino público