Saltar ao contido

A Marea chegou para quedarse. E non para. Segue a camiñar. Dende esta fin de semana, trala lúa chea do 3, a nosa Marea Alta xa decidiu a forma definitiva coa que ha concorrer ás eleccións municipais o vindeiro 24 de maio co obxectivo de gañalas e poñer as institucións ao servizo da xente.

Na mañá deste sábado 7 de febreiro, e trala retirada do resto das propostas, aprobáronse por aclamación na Sala de Cultura do COAG (Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia) as teses de consenso nas tres áreas que se abrían ao debate:

As tres propostas aprobadas contan co respaldo e o traballo en común da inmensa maioría das mareas sectoriais e de barrio da Marea Atlántica, así como de todos os grupos de traballo. Na súa elaboración participaron tamén as xentes de Podemos, Anova, Esquerda Unida, Equo, Espazo Ecosocialista e Compromiso por Galicia que a tal hora participan no proceso.

photo_2015-02-08_23-15-35

Como nos presentaremos ás eleccións?

Na Marea Atlántica decidimos presentarnos ás eleccións municipais de maio coa nosa propia marca e un partido instrumental do mesmo nome —unha vez descartadas as modalidades de coalición ou agrupación de electores—, aínda que seguiremos a funcionar cos mecanismos e a estrutura da que nos dotamos soberanamente.

A nosa asemblea xeral segue a ser a Rede constiuída por Mareas operativas en barrios e sectores así como por Grupos de Traballo específicos. De xeito que, pase o pase o 24 de maio, o grupo municipal da Marea Atlántica, quer na oposición, quer no goberno, obedecerá o mandato da Rede e en ningún caso se converterá na dirección política do proceso.

Os seus cargos públicos serán revogábeis e estarán sometidos a esixentes mecanismos de rendición de contas, tanto na propia Marea como no conxunto da cidadanía.

como serán as nosas primarias?

O noso vindeiro porto an ruta son as Primarias, que serán abertas: celebrarémolas os días 7 e 8 de marzo e nelas poderán votar todas as persoas maiores de 16 anos que residan ou residisen nos últimos cinco anos na Coruña e asinen o manifesto fundacional da iniciativa, publicado a mediados de xullo do pasado ano.

As candidatas e os candidatos terán que reunir avais para presentarse ás primarias: 15 sinaturas de persoas activas na Marea no caso dos aspirantes á cabeza de lista e 5 no resto dos postos. Votaranse por separado, e con distintos sistemas, o primeiro posto da candidatura e os demais.

Á cabeza da lista poderanse presentar unicamente persoas a título individual, mentres que para o resto da candidatura terá que facerse en listas abertas sen marcas partidarias de entre 4 e 10 persoas. O sistema de voto e escrutinio escollido por consenso —o Borda-Dowdall, explicado nos documentos oficiais— garante que a candidatura será un reflexo da pluralidade en pé da Marea Atlántica. Tanto as listas abertas que se presenten como o voto dos electores e a candidatura resultante serán paritarias e en cremalleira.

e o noso Programa?

O proceso de confección do Programa Electoral Participativo arrincará o vindeiro 16 de febreiro e rematará o 14 de abril coa súa presentación pública. No curso deste proceso, que contempla distintas fases, celebrarase un Encontro Aberto á Cidade os días 13, 14 e 15 de marzo.

photo_2015-02-08_22-05-20

Sobre o noso Código Ético

Os cargos públicos da Marea Atlántica, en cumprimento do estrito Código Ético aprobado este sábado, só poderán exercer durante un máximo de dous mandatos, sexan alternos ou consecutivos. Todos os seus bens e retribucións, así como os gastos e ingresos do grupo municipal, serán públicos, transparentes e accesíbeis. A plataforma, ademais, reducirá á metade o custo do goberno municipal e a un terzo as súas retribucións. Ningún salario poderá superar os 40.000 euros brutos anuais, o que equivale a uns 2.100 netos ao mes en catorce pagas ao cabo do ano.

Ademais de poder ser revogados se incumpren este Código Ético, os cargos da Marea Atlántica comprométense a renunciar de forma inmediata ante a imputación xudicial de delitos relacionados con corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno e malversación e apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas. Tamén no caso de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia, delitos ecolóxicos ou contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras.

 

Parabéns a todxs xs mareantxs que traballaron nesta posta en común que articula máis polo miúdo o noso desexo común. Seguimos adiante. Isto xa non hai quen o pare.

 

#HaiMarea

 

 

 

 

 

A Marea de camiño ás Primarias