Saltar ao contido

Entrevista con Begoña Romero e Xan Xove, portavoces da Marea da Agra

 

“O negreirismo é o mesmo que o vazquismo”

 “Na Mariña dilapídanse millóns mentres aquí nas Conchiñas imos ter que papar máis coches nas rúas porque non quixeron inverter en soterrar o acceso ao aparcadoiro”

foto entrenos
BEGOÑA ROMERO e XAN XOVE, portavoces da MAREA DA AGRA

Non podía acontecer noutro sitio. A Agra, o barrio co tecido asociativo máis forte da Coruña, viu nacer a finais de agosto a primeira asemblea territorial da Marea Atlántica: a Marea da Agra. Un movemento cidadán que se está constituíndo no espazo de confluencia de diferentes formacións políticas e cidadanía en xeral para artellar unha candidatura que loite pola alcaldía nas municipais de maio. Cen días despois da súa presentación, dous portavoces da Marea da Agra fan un primeiro balanzo. Son Begoña Romero (Bilbao, 1955) e Xan Xove (Viveiro, 1977). Begoña foi unha das fundadoras da Asociación de Veciños da Agra alá polo ano 76; ex militante política e sindical, di que volve a area porque ve unha oportunidade de cambio social. Xan, traballador de Correos, regresou a Galiza despois de 14 anos fóra, ten experiencia en movementos ecoloxistas e veciñais e estivo activo durante o 15M en Menorca e Barcelona. Eles representan a unha ducia de persoas —traballadoras, parados, amas de casa, estudantes, xubilados— que desenvolven unha diagnose do barrio en relación con outras asociacións para crear unha rede de colaboración e traballo en prol da veciñanza.

—Por que xorden estes movementos cidadáns? Por que ás mareas?

—B: Hai un descontento evidente entre a xente. Un cabreo monumental coa política e coas cousas que están pasando nos partidos. Por iso todos reclamamos un cambio. E hai unha oportunidade para facelo desde abaixo.

—X: A fartura coa política clásica da pé a que emerxan procesos de participación cidadá, de participación política, que van máis alá dos partidos tradicionais e que tratan de devolver a política á xente.

—E como se fai iso? Que ten feito nestes cen día a Marea da Agra?

—B: Reunímonos con case todas as asociacións, ONGD do barrio, mesmo igrexas de todas as confesión, para ver en que andan a traballar e cales son os problemas máis graves, os que hai que atallar xa.

—X: O que tentamos é fomentar a participación directa da xente. Invitamos a todos, non só as asociacións ou colectivos establecidos, a traballar man a man. Non estamos nesa política de ir polos sitios tomando nota do que che pasa e xa cho amañarei se me votas… Pertencemos a unha cultura de colaboración que desborda o que se viña facendo en política.

—E que estades a percibir?

—X: Estancamento. Na miña opinión o vazquismo e o negreirismo son iguais, tiveron os mesmos efectos no barrio.

—B: Si, son os mesmos problemas que hai vinte ou vinte cinco anos: desemprego, miseria, ladrillo e cemento por todas partes que non nos deixa respirar. Pero con outra crise enriba. Pero hai solucións, pese a todo este é un barrio moi vivo…

—Que solucións?

—B: En vez de construír aparcadoiros no centro do barrio, aproveitar espazos para zonas verdes e de lecer. Para que a rúa sexa amable e acolledora, sobre todo cos máis maiores e os máis cativos. E facer os aparcadoiros, que está claro que se necesitan, noutras zonas. E facelos públicos e baratos.

—X: Os problemas son os mesmos que fai vinte cinco anos porque non se arranxaron. E agora somos todos, xente e casas, vinte anos máis vellos. E menos mal que grazas os inmigrantes inda temos unha pirámide de poboación equilibrada. Hai cousas que facer. Por exemplo, aproveitar a zona do Ágora para crear hortas urbanas, ou espazos de lecer tamén no Observatorio.

—B: O que non pode ser é que haxa veciños que non se toman a medicación porque non teñen cartos para pagala, e iso dincho os médicos do Ventorrillo ou calquera farmacéutico do barrio.

—X : Nin que tanta xente precise comida e ás asociacións que a reparten se as afogue esixíndolles un control da documentación dos que van pedir para comer.

—Tan mal funciona o Concello que teñen que poñerse os cidadáns a arranxar as cousas?

—B: Mal depende para quen…

—X: Que llo digan a empresa que recibiu parte da adxudicación das obras na Cidade Vella. Eu non critico o gasto público, pero si que non se controle a quen se lle dan os nosos cartos. Non se debería apostar por empresas baixo sospeita de corrupción.

—B: Na Mariña dilapídanse millóns mentres aquí nas Conchiñas imos ter que papar máis coches nas rúas porque non quixeron inverter un pouco máis en soterrar o acceso ao novo aparcadoiro.

—Para rematar. Como me apunto na Marea da Agra?

—X: Os que queirades participar para saber como vai a cousa, sen máis compromiso inicial, só tedes que escribir ao correo da Marea da Agra (mareadaagra@mareatlantica.org) ou entrar no blog nesta dirección: https://mareatlantica.org/marea-da-agra/

A Marea da Agra na Revista Entrenós