Saltar ao contido

 

photo_2015-01-09_16-25-01

«Cousa terrible é nadar contracorrente en augas sucias» Stanislaw Jerzy Lec

Queremos que a Marea Atlántica sexa cousa de todas e todos os coruñeses. Levamos traballando por iso dende xullo do pasado ano, case seis meses de preparación para a Marea Viva, onde debateremos, proporemos e decidiremos. E debateredes, proporedes e decidiredes. Isto é un foro aberto. Isto é un mutar as cousas, o xeito de facer vella política, ver de que modo artellar unha nova maneira… Xa non nadar contracorrente en augas sucias: cambiar de auga onde nadar.

Hoxe comeza a Marea Baixa, a primeira escala da Marea Viva, logo de que hai apenas unhas horas o goberno do PP da Xunta de Galicia censurase as actividades previstas no IES de Elviña. Actividades de debate sobre municipalismo. Formas de goberno. Participación cidadá. Xa que a sanidade e a educación están secuestradas -e polo que parece tamén os centros educativos- quédannos certos espazos onde poder sacar a cabeza para tomar folgos: o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia alúganos un espazo da súa sede para poder levar a cabo alí o noso programa.

Por iso, trasladamos as actividades desta tarde, do sábado 10 e domingo 11 á rúa Federico Tapia, nº 62.

Cómpre comezar a construír unha nova arquitectura de participación dende abaixo. Dende os alicerces. Comezamos a Marea Baixa sabendo que serán moitos os diques que tratarán de conternos. Só podemos ir a máis. Só sabemos ir a máis. Medrar.

A Consellería de Educación – a Xunta, en verdade: é dicir, o PP- prohíbe. Cancela. Censura.

Non nos arredades. Non temos medo. Non temos mordaza. Só temos gañas. Dereito. Enerxía. Marea.

Marea viva | Marea censurada