Propuxémoslle ao goberno local que deixase o asunto sobre a mesa e se buscasen alternativas para financiar un Plan de Choque Cultural
Iago Martínez: “O sector da cultura é un dos máis golpeados pola crise e o peor tratado nas medidas do Concello ante as consecuencias do COVID”
A Marea Atlántica votará en contra do recorte de 700.000 euros no orzamento do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), despois de que o PSOE se negase a reconsideralo, como lle pedimos desde o primeiro día. Como explicou o vicevoceiro da Marea, Iago Martínez, na Comisión de Facenda celebrada hoxe, “estamos radicalmente en contra de reducir os fondos para a cultura, un dos sectores máis afectados pola crise, e lamentamos que se perda unha oportunidade de mellorar as axudas do Concello, sumándolles políticas serias e innovadoras de apoio á cultura”.
Esta mañá, na Comisión de Facenda, instamos novamente ao PSOE a reconsiderar a súa postura e non levar ao Pleno do xoves un modificativo que redunda nunha das principais debilidades do chamado Presco, tal e como vimos sinalando reiteradamente. No seu lugar, volvemos tender a man para negociar un Plan de Choque Cultural que se sume ás liñas de axuda xa previstas para outras actividades. “Hai necesidades no sector e hai recursos no Concello, só falta a vontade política do goberno local. Na oposición o apoio sería maioritario”, explica Martínez.
No plan de axudas do Concello ante as consecuencias do COVID, aprobado co voto a favor de todos os grupos, a cultura é o sector peor tratado. Só recibe un bono cultural aínda por definir e algunhas medidas complementarias claramente insuficientes. A cambio, os recortes na Concellaría de Cultura e o IMCE superan o millón de euros. As axudas fronte á pandemia son moi necesarias, pero non deben financiarse a costa de lesionar o investimento en Cultura.
Semanas de propostas que o PSOE non escoitou
“Levamos semanas falando con axentes do sector e facendo propostas sistematicamente ignoradas polo PSOE. Hai alternativas para obter fondos, pero o goberno do PSOE escolle recortar en Cultura mentres garda 1,3 millóns de euros para facer propaganda, case o triple do que gastaba o goberno da Marea”, sinala Iago Martínez.
Deste xeito, o plan do Concello para afrontar as consecuencias da pandemia avanza lento, pero anúnciase unha e outra vez. Non foi ata hoxe, que as bases para as axudas a autónomos e pemes foron a unha Xunta de Goberno Local convocada con media hora de antelación. E hoxe é un mes despois do Pleno no que se aprobaron por unanimidade os fondos para estas axudas.
Un modificativo á marxe do plan contra a pandemia
O voceiro do goberno, José Manuel Lage, recoñeceu esta mañá que hai alternativas a este recorte de 700.000 euros no IMCE, pero que o goberno local está tan pouco interesado en buscalas agora como o estaba cando se negociou o plan fronte á crise. “Cargar o peso do Presco sobre a cultura foi unha das demandas do PP e Cs que o PSOE, explicablemente, decidiu aceptar”, explica o vicevoceiro da Marea Atlántica.
Ademais do recorte, o modificativo que se debaterá este xoves, impulsado de maneira unilateral polo goberno municipal, propón dous cambios no orzamento do IMCE que nada teñen que ver coa pandemia e as súas consecuencias sociais e económicas. Destina 30.000 euros a pagar facturas irregulares do último trimestre de 2019 e 120.000 euros a reforzar partidas que foron insuficientemente dotadas no seu día. Estes do
Instamos, unha vez máis, a retirar este modificativo e evitar dar máis pasos atrás nas políticas culturais. “A cultura é un sector económico estratéxico na nosa cidade, que levou un golpe durísimo nesta crise. Os argumentos para rescatalo son os mesmos que para calquera outra actividade. Só falta vontade política”, sostén Iago Martínez.