Saltar ao contido

O noso grupo introduciu unha emenda, tamén aprobada, para que en seis meses regresen a Pleno todos os inmobles incluídos na aprobación inicial do catálogo, que impulsou o goberno de Xulio Ferreiro en 2018

Instamos, tamén, á Autoridade Portuaria a deixar de poñer obstáculos e modificar o seu Plan Especial para salvagardar o edificio da Lonxa do Gran Sol

O Pleno do Concello da Coruña aprobou hoxe a ampliación do Catálogo de Edificios Protexidos do PXOM con dez elementos novos, incluíndo unha emenda da Marea Atlántica que insta a incluír no futuro todos os elementos que estaban na proposta orixinal, aprobada inicialmente a finais de 2018 a iniciativa do goberno de Xulio Ferreiro, cun expediente detallado, complexo e cun gran nivel de participación plural. Estes edificios que quedaron fóra polo momento deberían volver a Pleno en seis meses para a súa protección.

Na nosa emenda instamos, tamén, á Autoridade Portuaria e ao seu futuro presidente, Martín Fernández Prado, a mudar de actitude e asumir a protección da Lonxa do Gran Sol, un edificio notable de 1960. O Concello vai seguir tentando protexela, pero o porto pode facelo directamente,

A proposta de hoxe chegou de urxencia, o mesmo día que remata a suspensión de licenzas, e contou coa abstención dun PP pouco interesado en protexer o patrimonio. Porén, como sinalou Iago Martínez, “foi posible aprobala grazas á Marea Atlántica, o único grupo cos votos necesarios para artellar unha maioría absoluta progresista no Pleno, imprescindible para darlle luz verde a un asunto coma este”.

Os dez inmobles protexidos hoxe son o edificio Citröen, o Banco do Noroeste, o edificio POU, o Edificio da Cooperativa de Alféreces, o edificio de vivendas en Juan Flórez nº 28, a Escola Pablo Picasso, o grupo de vivendas dos Mariñeiros, as vivendas de Claudio San Martín, o edificio da avenida Fernández Latorre nº 43, e as vivendas pareadas na rúa do Padre Sarmiento.

Emenda de toda a oposición ao proceso da Axenda Urbana

O Pleno aprobou tamén hoxe a emenda conxunta asinada pola Marea Atlántica, o PP e o BNG para a reactivación do proceso de confección da Axenda Urbana da Coruña, que veu ao Pleno logo de ser iniciado no pasado mandato, a finais de 2018 e de xeito pioneiro no Estado.  Serve para corrixir a proposta do goberno, abusiva para un executivo en minoría, e facela máis aberta, participativa e plural, tanto para a oposición como para os principais axentes económicos e sociais da cidade, como xa detallamos.

O vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, sinalou que “cun esforzo de xenerosidade, os tres grupos da oposición elaboraron unha emenda que se toma en serio o proceso da Axenda Urbana da Coruña, cousa que o goberno non estaba a facer”. Neste sentido, pediulle ao equipo de Inés Rey que “cumpra o que promete na exposición de motivos”, respectando medidas como a “coprodución de políticas públicas, que non é pedirlle a xente que mande un correo electrónico con ideas; a soberanía enerxética, sacando da parálise o Operador Enerxético municipal pactado co noso grupo, ou a naturalización da cidade, rescatando a Estratexia de Infraestrutura Verde do caixón no que a teñen metida”.

Pagando convenios de 2019 cos de 2020 a piques de caducar

Doutra banda, o goberno municipal, a 28 días de rematar o ano, trouxo dous modificativos que suman 250.000 euros para pagar convenios de 2019 e facer axustes menores. Como sinalou Iago Martinez, “é unha tomadura de pelo nestes momentos, cando o paro se incrementou un 21% desde xuño de 2019, cando hai 3.700 axudas a pemes e autónomos sen pagar, cando teñen a metade do orzamento deste ano sen executar, 150 millóns, e cando nas áreas de protección social e reactivación económica están por debaixo do 50%”.

Martínez lembrou, ademais, que o 1 de xaneiro caducan os convenios de ducias de entidades sociais na Coruña, poñendo en perigo a súa situación económica, “por culpa da primeira prórroga orzamentaria autoinducida que se recorda na Coruña. Cando toda a oposición lles está tendendo a man e reclamando uns Orzamentos, vostedes esconden a cabeza e chegan hoxe a propoñernos modificativos. Para salvar os convenios, poden contar co noso apoio, pero é un parche é unha irresponsabilidade pola súa banda”.

 

Os votos da Marea Atlántica permiten aprobar a ampliación do catálogo de edificios protexidos antes da fin da suspensión de licenzas