Saltar ao contido
Javier Tebas, persoa non grata na Coruña

Javier Tebas é o responsable último dunha serie de acontecementos que, ademais de encrespar e ofender á afección do Depor e a toda a cidade, supuxeron unha temeridade dende o punto de vista sanitario e tiveron un impacto negativo no turismo, a hostalaría e na propia imaxe da Coruña

“Non pode ser que Álex Bergantiños teña que verse cuestionado, mesmo tratado como un delincuente e que a actuación do Sr. Tebas non teña ningunha consecuencia”,  sinala a concelleira Claudia Delso.

A Marea Atlántica vén de rexistrar no día de hoxe unha moción pola que pedirá no vindeiro Pleno Municipal declarar ao presidente de La Liga, Javier Tebas, persoa non grata na Coruña. Tebas é considerado responsable último da viaxe do C.F. Fuenlabrada o pasado 20 de xullo, cando xa se coñecían os positivos por COVID-19 dos integrantes do equipo dende o 18 de xullo, sobre os que non se informou en tempo e forma ás autoridades sanitarias. 

“Consideramos que é a reacción mínima, cando amosou tal desdeño e irresponsabilidade de cara á toda a cidade. Agardamos a manifestación unánime de toda a corporación municipal e que non se obvie como pasou coa petición de declaración que fixemos hai escasas semanas cando saltou a noticia” apunta Claudia Delso, quen engadiu “Do mesmo xeito pensamos que La Liga ten que reparar o dano que está a causar á imaxe da cidade coas súas devanditas consecuencias económicas, nun momento tan delicado coma o que estamos a vivir”.

Apoio ás medidas legais e a Alex Bergantiños

Na mesma liña, a moción pedirá o apoio do Pleno a todas as medidas legais que se impulsen dende o Concello ou a Xunta de Galicia e, por suposto, trasladar o apoio de toda a corporación municipal ao R.C.Deportivo, ao deportivismo en xeral, e a Álex Bergantiños en particular.

A Marea Atlántica presenta unha moción para declarar a Javier Tebas persoa non grata na Coruña