“Estanse a dar pasos atrás nos avances conseguidos durante o confinamento, fomentando o presencial e indo contra as recomendacións sanitarias”, denuncia María García. 

Tras as reunións con representantese sindicais, advertimos do risco de paralizacion da xestión municipal en caso de que se produzan positivos por Covid19. 

A Marea Atlántica insta ao goberno municipal a consolidar e ampliar o teletraballo para protexer ao persoal e garantir a  prestación de servizos e a atención á cidadanía.

Reunión das concelleiras con funcionarios e funcionarias do Concello

O grupo municipal da Marea Atlántica mantivo nos últimos días, encontros con representantes dos sindicatos UXT, CSIF e CCOO na Xunta de Persoal do Concello, para analizar o regreso das traballadoras municipais tras o confinamento. “Nestas conversas, puidemos constatar que o goberno municipal está a impoñer a reincorporación presencial ao posto, desfacendo todos os avances en ferramentas de teletraballo”, sinalou a nosa voceira, María García.

“Pedímoslle ao concelleiro responsable de Persoal, José Manuel Lage, que publique unha instrución para regular as solicitudes de teletraballo, e rexistraremos varias preguntas cara o próximo Pleno”, engadiu García. 

Sen ningún tipo de negociación, o goberno municipal impuxo un protocolo que dá prioridade ao presencial e non regula as solicitudes de traballo telemático. Isto leva a que se xestionen de xeito arbitrario segundo o servizo, e a que moitas sexan denegadas sen motivo, mesmo en persoas vulnerables e con responsabilidades familiares. 

É un modo de proceder que vulnera as recomendacións sanitarias e o criterio do do Consello de Ministras de primar o traballo non presencial mentres continúe a pandemia. E que pode complicar a situación nas dependencias municipais no caso de producirse un rebrote. 

“Durante o confinamento, o Concello da Coruña fixo avances notables e positivos en materia de teletraballo, e non entendemos por que agora está a dar pasos atrás”, argumenta María Garcia. Ademais de expoñer ao persoal aos contaxios, ponse en risco a continuidade da xestión municipal e a prestación de servizos no caso de que se dean positivos e haxa que aillar ao persoal das oficinas e áreas afectadas.

arcía.

Fondos dispoñibles no plan de choque contra a crise

Cómpre lembrar, tamén, que entre as medidas aprobadas no concello para afrontar a crise da COVID19 atópase, como proposta da Marea Atlántica, unha partida orzamentaria para mellorar as ferramentas de teletraballo e facilitar tamén que órganos como o Pleno, as Xuntas de Goberno Local, comisións informativas ou as mesas de contratación poidan realizarse a distancia. 

Pedímoslle, tamén, ao goberno municipal que aproveite estes fondos para adaptarse á situación actual e modernizar a administración, en lugar de comportarse como se a pandemia non existise. Tamén para mellorar e axilizar os sistemas de cita previa, cuxos tempos de espera son agora mesmo difíciles de asumir para a veciñanza. 

A consolidación do teletraballo ten ademais outros efectos positivos, como facilitar a conciliación e apoiar a mobilidade sostible, ao evitar desprazamentos en coche para acudir ao lugar de traballo.