Este decembro fanse dous anos do peche do Museo de Arte Contemporáneo (MAC) sen que nin Xunta nin Concello teñan avanzado algo sobre o futuro da colección ou do propio museo

“Levaremos ao pleno unha batería de preguntas sobre a situación actual do MAC e cales son as intencións do goberno local. Pasado un ano, o área de Cultura non se moveu para intentar recuperar o MAC ou impulsar unha alternativa. Mentres, o Concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, está pechado no seu despacho sen contacto ningún co sector” aclara o noso vicevoceiro, Iago Martínez.

Sobre a situación do MAC

1.- Comprobamos que, pasado un ano, a área de Cultura non se moveu para intentar recuperar o MAC ou impulsar unha alternativa que cubra o oco que deixaron Naturgy e a súa falta de compromiso coa cidade. A concellaría está nunha absoluta parálise e a Alcaldía parece conforme con esa situación

2.- O MAC era moito máis ca unha colección. Era un centro con actividades, formación, recursos para creadores e creadoras, divulgación e dinamización cultural, unha riqueza que non pode esquecerse e que non debe perderse. E era, sobre todo, un equipo humano excepcional.

3.- Con iso en mente, o goberno de Xulio Ferreiro iniciou unha rolda de contactos coa Xunta, a Deputación, o Ministerio de Cultura e varias das principais empresas da cidade. E puxo unha proposta sobre a mesa: unha fundación con colaboración privada pero liderado público e financiamento maioritariamente institucional. Unha proposta e un compromiso de 500.000 euros anuais. Polo que vemos, ese proxecto quedou nun caixón. Unha mágoa.

4.- Comprobamos, tamén, que a Concellería de Cultura é xorda ás reivindicacións dos antigos traballadores do MAC que seguen activos, loitando para que non se perda o legado do centro. Acontece, en xeral, coa maioría dos axentes culturais da cidade, que ademais están a ser leais e propositivos. Celemín está encerrado no despacho, sen contacto ningún co sector.

5.- Trasladámoslle todo o noso apoio aos traballadores do antigo MAC. Compartimos a súa preocupación pola falta de iniciativa do goberno municipal no ámbito cultural e tomamos nota das súas propostas, moi valiosas, para o futuro.

6.- No próximo pleno formularémoslle unha batería de preguntas ao goberno municipal para coñecer de primeira man a situación e as súas intencións.