A organización municipalista cre que esta operación privatiza o planeamento dunha peza sensible do bordo litoral da cidade para permitir unha urbanización excesiva e inxustificada
Esixe que o acordo, carente da debida transparencia e participación cidadá e contrario aos principios de mitigación e adaptación ao cambio climático, non sexa ratificado
A operación impulsada nas Xubias pola alcaldesa Inés Rey en alianza co fondo suízo de investimento Ginkgo é contraria aos principios máis elementais do urbanismo democrático e supón unha ameaza para unha peza moi sensible e de alto valor cultural, ambiental e paisaxístico do bordo litoral da Coruña. Así o valora a Marea Atlántica, que este xoves rexistrou alegacións ao convenio asinado polo goberno municipal e a firma estranxeira. A formación municipalista esixe que o acordo non sexa ratificado e que o futuro desta beira da Ría do Burgo se dirima con transparencia e participación cidadá, criterios de interese público e perspectiva metropolitana.
Seis son as liñas argumentais que a Marea Atlántica emprega no seu escrito de alegacións. En primeiro lugar, advirte de que o convenio é contrario aos principios de mitigación e adaptación ao cambio climático, que aconsellarían considerar a potencial afección da suba do nivel do mar e a importancia de adoptar solucións baseadas na natureza e conservar espazos verdes. En segundo lugar, sinala que o acordo, malia a matizar o volume de vivendas previstas no PXOM, segue a apostar nun crecemento residencial excesivo e inxustificado nunha zona que, polas súas propias características, tivo historicamente unha baixa intensidade de ocupación.
Terceiro, a organización municipalista denuncia que o convenio supón privatizar o planeamento do ámbito, que pasaría a estar determinado por un Plan Especial elaborado polo fondo de investimento e non dende María Pita. Isto implicaría, en cuarto lugar, que a operación se mantivese á marxe do expediente –en marcha dende hai varios anos pola incapacidade do goberno municipal– co que se pretendían rebaixar as desproporcionadas edificabilidades permitidas polo PXOM en vigor, aprobado en 2013 pero condicionado nalgunhas Áreas de Planeamento Incorporado (API), como é o caso, polas determinacións contidas no último plan da burbulla inmobiliaria, o de 1998.
Nin sustentabilidade, nin participación cidadá
Por último, a Marea Atlántica argumenta que o convenio incumpre os criterios estratéxicos de desenvolvemento urbano sostible que o Concello di defender en múltiples documentos, caso da Axenda Urbana 2030, e que tampouco está á altura dos deberes de transparencia e participación cidadá que caracterizan o urbanismo democrático, algo particularmente grave no que respecta ao acordo de 2023, completamente opaco até agora, entre o Concello e Landcompany, a anterior propietaria de Estaleiros Valiña. Así o demostra a desinformación dos veciños e as veciñas das Xubias, que están a recibir estes días a visita de partidos políticos e plataformas cívicas como a Comisión Aberta en Defensa do Común (CADECO).