Saltar ao contido

Xulio Ferreiro cualifica de “maquillaxe” o Código Ético da Fegamp e invita aos partidos que o asinan a “chegar ao listón que marca a Marea”

O candidato á alcaldía da Coruña considera “inaudito” que un
documento como o que aprobaron PP, PSOE e BNG “nin sequera
faga unha mención ao cese nos seus cargos das persoas
relacionadas con casos de corrupción”

XulioFerreiro

“Maquillaxe”. Con esa palabra define Xulio Ferreiro, candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, o código ético proposto pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para os 314 concellos de Galicia. “Está moi por debaixo do que a cidadanía demanda e do que é necesario para erradicar o grave problema da corrupción”, argumenta Ferreiro, quen invita aos partidos que o asinaron, como PP, PSOE e BNG, a “chegar cando menos ao listón de esixencia nas boas prácticas institucionais que marca o Código Ético da Marea Atlántica”.

“É inaudito que un documento sobre limpeza e transparencia en concellos e deputacións nin sequera mencione o cese nos seus cargos das persoas relacionadas con casos de corrupción”, asegura o cabeza de lista da Marea, que lembra que, en base ao Código Ético da plataforma cidadá que encabeza, tanto os cargos electos como o persoal de confianza “se comprometen a renunciar de forma inmediata ante a imputación xudicial de delitos relacionados con corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno e malversación e apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas. Tamén no caso de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos ecolóxicos ou contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras, entendendo por imputación xudicial a existencia dunha resolución motivada onde un xuíz estime a existencia de indicios racionais de delito”.

“Cando a Marea chegue a María Pita non poderá repetirse un caso como o de Julio Flores”, indica Ferreiro en referencia ao tenente de alcalde da Coruña imputado no caso Pokémon, “onde tamén está a ser investigada máis da metade da Xunta de Goberno Local, incluído Carlos Negreira”. A Marea habilita mecanismos para que a cidadanía poida revogar calquera dos seus cargos electos, tanto en casos de corrupción como de violación do seu Código Ético ou incumprimendo grave e inxustificado do programa electoral. “Queremos que a cidadanía poña sobre nós unha lupa de maneira permanente”, engade.
Ferreiro critica tamén que a proposta da Fegamp “non inclúa nada sobre o teito salarial, polo que no caso da cidade da Coruña seguiría a estar fixado en 80.000 euros anuais (Negreira cobra máis de 65.000 euros), mentres que a Marea xa anunciou que nunca pasará dos 40.000 brutos”. “Tampouco fai mención á obriga de publicar cada ano a declaración do IRPF de cada cargo electo ou de confianza, cousa que si fará a Marea, nin ao dereito do cidadán a coñecer as contas de cada grupo municipal, que o noso Código Ético obriga a que sexan transparentes”, apunta o cabeza de lista da candidatura coruñesa, quen tamén recorda que “as normas da Marea para evitar as portas xiratorias tamén son moito máis esixentes que as que anuncia a Fegamp”.

“O código ético que propón a Fegamp non prescribe ningunha medida contra a esclerose da clase política”, sinala Xulio Ferreiro, quen recorda que a Marea establece un máximo de dous mandatos, sexan alternos ou consecutivos, para os seus representantes, que “tampouco poderán empregar o Concello da Coruña como trampolín para a súa carreira política, posto que teñen prohibido abandonar os seus cargos no medio do mandato para concorrer a outra convocatoria electoral”.

Por último, o candidato Xulio Ferreiro afirma que o suposto código ético da Fegamp vén a demostrar que os partidos que o apoian “ou ben non tomaron nota do que a cidadanía está a demandar dende o 15M ou ben deciden mirar para outro lado ante a revolución democrática en curso, e por iso non prevén ningún mecanismo de participación á hora de tomar decisións que afectan ao conxunto da veciñanza nin lle dedican unha soa liña á rendición de contas”.

Noutra orde de cousas, e ante a ausencia dunha reacción oficial do Concello ás imaxes de doentes sen posibilidade de ser atendidos e esperando horas nos corredores do CHUAC ou ao desinterese amosado polo goberno autonómico ante a reivindicación dun centro escolar en Novo Mesoiro, Ferreiro volve denunciar que “Negreira prefire ser submiso co seu partido que defender á cidadanía da Coruña ante unha Xunta que non soluciona a necesidade dun colexio en Novo Mesoiro ou os colapsos nas Urxencias hospitalarias”.

Maquillaxe de urxencia para o bipartidismo: o código ético da Fegamp