“Recuperaremos e actualizaremos as conclusións do proceso participativo que abriu Xulio Ferreiro e Inés Rey gardou nun caixón, e teremos listo o novo mapa antes de que remate a concesión a Tranvías, para crear unha empresa pública de transportes”, afirma o candidato da Marea Atlántica
Xan Xove participará esta tarde nun acto sobre mobilidade en Novo Mesoiro, un dos barrios máis necesitados un mellor servizo de bus urbano
Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, comprometeuse a impulsar, no primeiro ano do próximo mandato, un novo mapa de liñas de bus que se adapte ao que necesita a cidade de hoxe, tras case 40 anos sen renovación significativas do servizo. Será un mapa máis eficiente, intuitivo e fiable, que sirva para reducir as frecuencias e facilitar o uso do transporte público como alternativa ao coche privado. Mellorando a cobertura en todos os barrios e nos grandes nodos de actividade, coma o campus, os polígonos industriais e os centros sanitarios.
Xove explicou que “é viable facelo porque xa temos traballo adiantado. Retomaremos o proceso participativo que comezou co goberno de Xulio Ferreiro, da man de Daniel Díaz Grandío, e que Inés Rey gardou nun caixón. Aí xa temos recollidas moitas das necesidades da veciñanza, será cuestión de actualizalo e pode estar listo antes de que remate a concesión á Compañía de Tranvías, en 2024, para poder implantar o novo mapa xa cunha empresa pública de transportes”.
O noso cabeza de lista participará esta tarde nun acto centrado na mobilidade, que terá lugar ás 19h no parque de Novo Mesoiro, un dos barrios máis necesitados de mellores conexións de bus, “ao igual que Someso, O Birloque, O Martinete… barrios que se integraron na cidade nas últimas décadas e que non están contemplados no mapa de rutas que se deseñou a comezos dos anos 80, cando se asinou a concesión vixente. O mesmo que ocorre cos hospitais ou os polígonos industriais, que están inexplicablemente mal conectados coa rede de transporte público”. O candidato reafirmou o compromiso da Marea Atlántica coa creación dunha empresa municipal de transportes, 100% pública e intermodal, aproveitando a oportunidade que se abre en 2024 para liderar unha nova mobilidade.
Unha empresa pública que xestionará o bus, pero tamén BiciCoruña e os aparcadoiros a medida que rematen a súa concesión, integrando todos estes servizos cunha perspectiva intermodal e unha política de tarifas integrada.
Neste proceso, a Marea Atlántica tamén se compromete a levar Bicicoruña aos barrios que aínda non teñen unha estación próxima, así como a centros de traballo, parques empresariais, o campus universitario ou os hospitais. Ampliando o tempo de uso, sobre todo o das bicis eléctricas, e con máis persoal para atender as estacións e evitar que queden baleiras nas horas puntas, un problema que afecta en especial aos barrios máis poboados da Rolda de Outeiro.
O noso programa en materia de mobilidade tamén inclúe a creación de novos aparcadoiros disuasorios, e unha aposta pola mobilidade metropolitana, instando á Xunta de Galicia a crear unha autoridade única de transporte. E negociando cos concellos limítrofes a integración dos servizos de préstamo público de bicicletas, coma o que ten xa Arteixo. E instamos ao Estado a á posta en marcha do tren de cercanías e a modernización das conexións ferroviarias a Ferrol e a Lugo.
Mañá, acto en Vioño por unha cidade saudable
A campaña da Marea Atlántica continuará mañá, cun acto sobre a cidade saudable, que terá lugar ás 12h da mañá no parque de Vioño. Falarase de deporte, de saúde mental, coidados e acceso a zonas verdes, coa participación de Xan Xove, e as integrantes da súa candidatura, Bea González de Canales, enfermeira de UCI, Araceli Serantes ‘Boli’, profesora e investigadora universitaria e experta en transición ecolóxica, e Iván Núñez, experto no deporte coruñés.