Saltar ao contido

A Marea Atlántica elaborou un mapa colaborativo que localiza 32 casas de apostas e terminais de xogo electrónico, e insta ao goberno local a cumprir o acordo para regulalas

A ludopatía afecta a unhas 670.000 persoas en todo o Estado, o 44% menores de 26 anos. Levaremos este problema a Pleno, na procura de solucións desde o local

A voceira da Coordinadora da Marea Atlántica, Marta Cortacans, e o noso vivevoceiro municipal, Iago Martínez, presentaron hoxe un mapa colaborativo de locais de apostas na Coruña, elaborado pola nosa organización e aberto a achegas veciñais. Este traballo localiza 32 puntos de apostas deportivas, dos que 21 son casas de apostas e 11 son terminais de xogo electrónico en negocios de hostaleria. O 80%, un total de 27, están a menos de 400 metros dun centro educativo, sanitario ou deportivo, un dato preocupante e que debería levar ao goberno local a regular a situación: “Aceptou facelo no Pleno de xaneiro, apoiando unha moción da Marea Atlántica que foi aprobada por unanimidade”, como lembrou Iago Martínez. Levaremos o asunto ao vindeiro pleno, na procura de solucións deste a institución local. 

“O límite de 400 metros é o que escolleu hai un ano a cidade de Pamplona, dun tamaño similar ao da Coruña, para limitar a presenza de casas de apostas preto de equipamentos sensibles ou frecuentados por poboación vulnerable”, explicou Marta Cortacans. E engadiu que “podería ser maior, coma os 800 metros que establece Barcelona, e xente como Feijóo aposta por que sexa menor”. O borrador da Lei do Xogo de Galicia, que leva tempo parado a pesar das promesas do xa ex presidente da Xunta, fixa una zona de exclusión de 150 metros arredor das casas de apostas: e aínda así na Coruña hai 7 que o incumprirían. 

19 anos, a media de idade para iniciarse nas apostas deportivas

Por moito que tente branquearse, o xogo é unha couza que se ensaña especialmente coas persoas máis vulnerables, unha adición que vai en aumento tras a pandemia, segundo alertan todas as organizacións que traballan con vítimas da ludopatía. A Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados (Agalure) sinala que a media de idade para iniciarse nas  apostas deportivas, tanto presenciais coma on-line, era de 19 anos en 2020, e a maioría das solicitudes de axuda que recibiu a entidade chegaron de persoas menores de 25 anos enganchadas ás apostas deportivas. E que teñen nas terminais dos bares a súa principal porta de entrada ao mundo do xogo.

A falta de datos no ámbito galego, ante o desinterese da Xunta, é preocupante, pero si existen estudos a nivel español. O último informe do Plan Nacional Sobre Drogas, con datos de 2019 e 2020, amosa que existen no Estado 670.000 persoas con problemas de ludopatía, das que o 44% son menores de 26 anos. 

“Á vista dos datos que presentamos hoxe, volvemos pedirlle ao goberno municipal que dea un paso adiante e modifique a normativa urbanística para regular a presenza de casas de apostas. Sería unha medida pioneira en Galicia e tería efectos inmediatos, só comezar a tramitala activaría unha moratoria que impediría de novas casas de apostas durante un ano”, explicou Iago Martínez. 

 

O instituto que tiña unha casa de apostas na porta 

No mapa poden localizarse casos realmente preocupantes, coma os seguintes:

  • A metade do total, quince casas de apostas están preto de polo menos dous destes equipamentos sensibles.
  • O Instituo Eusebio da Guarda ten un a 35 metros e outro a 150, ambos en Rubine.
  • O Instituto Fernando Wirtz ten catro locais de apostas nun radio de 400 metros.
  • Na avenida da Concordia hai un a 90 metros do Centro de Saúde do Castrillón.
  • Na rúa da Torre, a casa de apostas vese desde o colexio Curros Enriquez, a 145 metros, e a menos de 200 ten a escola infantil das Mariñas.

O mapa da couza do xogo na Coruña é un traballo en construción, e irase actualizando a medida que se produzan cambios. Se botas algo en falta, podes contribuir a melloralo cun correo a comunicacion@mareatlantica.org ou contactándonos en calquera das nosas redes sociais. 

O 80% dos locais de apostas deportivas da Coruña están a menos de 400 metros dun centro educativo, sanitario ou deportivo