O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e representantes municipais de Pamplona, Barcelona, Vitoria-Gazteiz, Rivas, Zaragoza, e Cadiz asinaron este manifesto nos Encontros de Pamplona, pola investigación dos crimes do franquismo
O 18 de xullo de 1936, un golpe militar apoiado pola Alemaña nazi e a Italia fascista depuxo ás lexítimas autoridades electas da II República (locais, autonómicas, estatais) e creou un réxime de feroz represión no que todos os dereitos e liberdades democráticas foron erradicadas.
Durante os anos de guerra, as forzas golpistas implantaron un réxime de terror, sen que houbera máis lei que a súa sacrosanta vontade, nin máis xustiza que a axustada aos seus particulares intereses. Hoxe, tras oitenta anos de todo aquilo, cunetas e foxas seguen a ser testemuñas de aquel xenocidio.
Tras a guerra non rematou a represión. A ditadura franquista seguiu a negar todo tipo de dereitos e liberdades e, xunto a iso, impuxéroinse credos relixiosos e ideolóxicos e perseguiuse con ensañamento as linguas e as culturas distintas ás oficiais do réxime. Á herdanza recibida de máis de cen mil persoas fusiladas e desaparecidas, sumáronse varios centos de milleiros forzadas ao exilio, sometidas a traballos forzados en condicións de escravitude, detidas, torturadas, mulleres ás que lles roubaron as fillas en cárceres, clínicas e maternidades.
Nas nosas vilas e cidades vivimos o anterior desde o cercano. O crime e a represión non foron para nós simples palabras ou cifras, senón vivencias que o tempo non conseguiu borrar. Coñecíamos os nomes e apelidos das persoas fusiladas; as exiliadas eran familiares ou amigas nosas; as detidas, encarceradas e as mulleres ás que lles roubaron os fillos eran veciñas do barrio ou da rúa.
Desde Nuremberg ata hoxe, distintos acordos internacionais (Convención sobre Imprescriptibilidade de Crimen de Guerra e de Lesa Humanidade -26/11/1968-, Convención de Viena sobre o dereito dos Tratados – 2/5//1972-, Resolución da Asemblea Xeral da ONU sobre Principios de Cooperación Internacional na identificación, detención, extradición e castigo dos crímes de guerra e de lesa humanidade – 3/12/1973-, Estatuto da Corte Penal Internacional – 17/6/1998-,….) viñeron cualificando estes feitos como crimes contra a humanidade, cuxa principal característica é a de ser imprescriptibles.
Por todas estas razóns, adoptamos nas nosas respectivas cidades amplos e compartidos acordos a fin de interpor querelas criminais polos crimes contra a humanidade cometidos pola ditadura franquista. Non nos move afán de vinganza algunha, senón unha esixencia de Verdade, Xustiza e Reparación, algo reclamado durante moito tempo pola cidadaníá á que nos debemos.
Con esta mesma intención, os municipios que hoxe subscribimos este Manifesto queremos expresar a nosa firme vontade de continuar ata o final a vía emprendida coas nosas querelas, tecer entre os nosos Concellos lazos de colaboración e solidariedade municipalista e convidar ao resto de municipios das nosas Comunidades e de todo o Estado a sumarse a esta iniciativa que procura rematar con todas estas décadas de impunidade e reclamar Verdade, Xustiza e Reparación polos crimes franquistas.