Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

O texto que segue foi lido esta tarde, no Ateneo Ferrolán, polos alcaldes da Coruña, Xulio Ferreiro; Compostela, Martiño Noriega; e Ferrol, Jorge Suárez. Polo seu interese, reproducímolo íntegramente

En maio de 2015 irromperon no panorama electoral galego, despois dun proceso previo de anos de acumulación de forzas, ducias de candidaturas de confluencia e unidade popular en moitos dos Concellos do noso país. As Mareas municipalistas constituíron un referente para moitas persoas que entendían esgotadas as opción políticas tradicionais como motor do cambio social e foron vistas como unha alternativa e un antídoto ás políticas de austeridade e secuestro da democracia, así como da corrupción sistémica que personificou durante os últimos anos o Partido Popular. No éxito electoral das Mareas foi clave a conxunción entre a ilusión e o traballo da cidadanía non afiliada e a valentía e xenerosidade das forzas políticas que entenderon o momento histórico e a necesidade de tecer redes e alianzas, empregando ferramentas baseadas na horizontalidade e a democracia radical, arredor de programas compartidos, que respectaron a diferenza e entenderon a diversidade como un valor e non como unha fonte de conflito.

O capital político e a ilusión que agromaron nesas eleccións municipais tivo a necesaria continuidade para as eleccións xerais na coalición En Marea, onde tres das forzas políticas que participaron na conformación das candidaturas de unidade popular recolleron o testemuño para construír unha alternativa ao Partido Popular en todo o país. O resultado electoral obtido por En Marea nas eleccións de decembro foi un éxito colectivo que demostrou a necesidade dunha confluencia a nivel galego e a demanda social para a mesma. Máis de 400.000 persoas en toda Galicia dixeron Hai Marea, e o espazo político da confluencia situouse como o referente ineludible do cambio. Porén, a segunda volta das eleccións xerais do 26-X, aínda confirmando no esencial as virtualidades da confluencia e a hipótese de En Marea como alternativa real ao PP no noso país, puxo de manifesto tamén as limitacións do mecanismo de artellamento institucional do noso espazo político, moito máis amplo, máis rico e máis diverso que a mera conxunción de tres partidos políticos, necesarios e imprescindibles na configuración da confluencia e da unidade, pero insuficientes.

A necesidade de configurar unha alternativa electoral coa vista posta nas vindeiras eleccións autonómicas de outono, e a responsabilidade por estar a altura dos tempos e da ilusión que moitas persoas en todo o país depositaron nas diferentes expresións electorais que representaron ao espazo político das Mareas nas últimas convocatorias, lévanos aos abaixo asinantes, alcaldes profundamente comprometidos co proceso de construción dunha ferramenta nacional que dea expresión electoral ás arelas de cambio das galegas e galegos, a facer un chamamento para construír unha candidatura que estea en disposición de conquistar a Presidencia da Xunta de Galicia o vindeiro outono.

Os galegos e galegas non poden seguir sufrindo o progresivo empeoramento das súas condicións de vida. O noso país precisa dun proxecto político que poña en valor os seus sectores produtivos, free a sangría demográfica, aposte polo futuro, ao mesmo tempo que coide a nosa tradición e o capital cultural e lingüístico. Precisamos dotármonos das ferramentas necesarias para tomar as decisións que aseguren o benestar e a dignidade de todas as persoas. Esta candidatura non só debe ter éxito en termos electorais, senón que tamén debe garantir, un goberno que responda ás expectativas creadas e que enderece o rumbo do noso país, aplicando un conxunto de iniciativas de progreso e xustiza que pivote arredor da nosa realidade, sen esquecer os necesarios lazos de colaboración cos pobos peninsulares e do resto de Europa, cunha mención especial á Europa do Sur. Para acadar estes obxectivos, débense transcender os instrumentos e formas electorais creados até o momento, reflectindo dende a diversidade e a pluralidade das súas voces, un programa de mínimos e unha voz cohesionada ao servizo da maioría social agredida polas políticas do PP. Débese, polo tanto, contar coa experiencia e o éxito xa obtidos, dende o 15-M e Nunca Máis até as candidaturas municipalistas de unidade popular, aproveitando tamén toda a capacidade de traballo que centos de persoas están desenvolvendo ao longo do país, no político, no social e no institucional.

Na procura destes obxectivos, queremos propoñer as bases do que pensamos debe ser a candidatura para as vindeiras eleccións autonómicas:

  • Superación do marco institucional da actual coalición, substituíndo a actual mesa de coordinación por un instrumento aberto e democrático que represente o proceso de ampliación da base social e democratización de En Marea. Á súa vez, o grupo parlamentario, debe centrarse no seu labor institucional nas Cortes Xerais do Estado, co obxectivo de dar voz ás demandas do noso país tanto no Congreso como no Senado.
  • Alargamento da base social de En Marea a través da incorporación á mesma, confluíndo dende a base, de todas as mareas municipalistas, candidaturas de unidade popular e actores políticos e sociais que actualmente non están participando na toma de decisións pero que se senten representados e interpelados polo noso espazo político.
  • Aproveitar como base para o debate, o traballo feito durante estes últimos meses por ducias de Mareas arredor do proceso Mareas en Común, tanto na metodoloxía como nos documentos saídos do mesmo con amplo consenso (código ético, formación da candidatura e a súa arquitectura institucional e organización interna e elaboración do programa co que a candidatura resultante do proceso debe presentarse ás eleccións autonómicas).

En consecuencia, e de cara a dotar a este desexo do necesario contido, convocaremos a todos os actores políticos e sociais que veñen traballando na configuración dunha candidatura de confluencia a unha xuntanza que se celebrará no mes de xullo en día e lugar por determinar, co obxectivo de, sobre base referencial dos documentos elaborados por Mareas en Común, se poida acordar consensuadamente un calendario para a confección da candidatura e o programa co que En Marea se presentará ás eleccións autonómicas deste ano, co único fin de gañar a Xunta para as máis e poñer en marcha as políticas que fagan, por fin, de Galicia un país próspero e xusto.

Asinan:

Jorge Suárez, alcalde de Ferrol

Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela

Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña

En Ferrol, 5 de xullo de 2016

Manifesto dos alcaldes de Ferrol, Santiago e A Coruña pola confluencia nas eleccións galegas