Saltar ao contido

A unidade popular está hoxe aquí na praza do Obradoiro berrando pola nosa dignidade de pobo que loita. Loitamos porque un goberno traidor ao servizo de potencias e multinacionais estranxeiras, está a deixarnos sen pan, traballo e teito. Loitamos contra un estado fallido que malvende os nosos dereitos ao poder económico. Son so negocios, nada persoal, como di a Mafia, porque non pensan nas persoas, so no negocio. E dicimos mafia porque se están a comportar como criminais, roubando, mentindo e chantaxeando. Por iso estamos hoxe aquí, para facer fronte a esa mafia que nos está a maltratar.

A chamada crise non é máis ca unha inmensa estafa perpetrada dende o poder económico. É unha estratexia neoliberal para recortar os nosos dereitos e facer negocio con eles. É pura cobiza. E iso ocorre porque o poder político está totalmente sometido a ese poder antidemocrático. Debemos preguntarnos se manda máis o goberno ou as multinacionais, e coa resposta teremos claro cal é a nosa realidade democrática. A Troika europea é un contuvernio formado polo FMI, Banco Mundial e Comisión Europea que non se presentaron a ningunhas eleccións democráticas, pero dictan as normas aos estados coma se tiveran algún tipo de lexitimidade. Estados que actúan como sicarios dese poder antidemocrático. Ata cándo o imos consentir?

photo_2015-10-25_12-10-38

Esta Unión Europea non nos representa, non é nosa. Negocia ás nosas costas un tratado comercial con Estados Unidos e Canadá, o TTIP, que é o maior atentado á democracia que se recorda. O negocian en segredo, sen debate no Parlamento Europeo. Non é unha Unión Europea democrática, non defende os nosos intereses. Se nos xuntamos para loitar podemos gañar, e ese é o obxectivo das Marchas da Dignidade. Ter máis forza ca eles para derrotalos. Derrotar a un inimigo cruel, criminal e desapiadado. A unidade e a dignidade son as nosas armas. Se as usamos con intelixencia, xenerosidade e sacrificio, venceremos. Sabemos que é difícil, que o inimigo ten todo ao seu favor e que usará todo o seu poder mediático e policial para derrotarnos. Pero temos que loitar xuntarnos, organizarnos e ser máis forte ca eles. Porque somos máis, porque temos dignidade.

Privatizan hospitais, como o de Vigo, triplicando o seu custo para favorecer a empresas privadas, aumentan o prezo das mediciñas, deixan a moitas persoas enfermas sen vacinas, recortan en dependencia pero coidan con cartos públicos ao pai de Rajoy, privatizan servizos de emerxencias mentres Galicia arde cada verán, recortan en educación pública mentres favorecen aos centros concertados, acaban coa gandeiría a agricultura e a pesca, malvenden as caixas galegas ou unha empresas de telecomunicación como R, atentan contra o medio ambiente, enchen de cemento as nosas costas, consinten que a mocidade teña que emigrar para atopar un futuro lonxe do noso país, recortan en pensións, privatizan o ferrocarril, incrementan de xeito perverso a débeda ilexítima e agora ata puxeron un imposto ao sol. UN IMPOSTO POR USAR O SOL COMO FONTE DE ENERXÍA! O seguinte será cobrarnos por respirar.

O feminicidio continúa sen que o tomen en serio. Ducias de mulleres asasinadas pola violencia machista no que vai de ano, pero recortan en políticas de igualdade e prevención. A loita feminista tamén é a nosa loita, porque non hai revolución que non sexa tamén feminista. Contra a violencia machista, loita feminista. O feminismo ten que estar no noso ADN, a loita das mulleres e tamén a loita das Marchas da Dignidade, porque é unha loita digna e imprescindible. Fronte a esta barbarie, loita feminista, dignidade e revolución.

A Estratexia é clara, a mesma que fixeron en América. Crean a crise, a usan como excusa para recortar dereitos e cando se achegan as eleccións din que xa rematou usando cifras como o PIB. Eses dereitos non volverán se non loitamos por eles, se non traballamos conxuntamente para derrotar a un inimigo poderoso, cruel e criminal. Contra ese inimigo loitamos. E contra a nosa loita, o goberno incrementa a represión con multas e cárcere cunha lei, a Lei Mordaza, que parece feita polo mismísimo Franco. Pero non nos calarán. Seguiremos a loitar e a esixir:

– Non ao pago da débeda ilexítima
– Non ao TTIP
– Non á corrupción
– Retirada da reforma laboral
– Defensa dos servizos 100% públicos e de calidade
– Dereito á vivenda
– Dereitos ambientais: “NON AO FRACKING”. Enerxías renovables XA
– Independencia da Xustiza
– Xustiza para as vítimas de ANGROIS
– Defensa dos dereitos da mulleres
– Dereitos para as persoas migrantes. Ningún ser humano é ilegal
– Non á represión! Retirada da “Lei Mordaza”
– Economía ao servizo do pobo

PAN; TRABALLO E TEITO. A LOITA CONTINÚA

Manifesto das Marchas da Dignidade – Obradoiro, 24 outubro