Saltar ao contido

A plataforma SOS Sanidade Pública convoca unha marcha este día 12 de febreiro, ás 12 da mañá, desde a Alameda de Santiago de Compostela, por unha Atención Primaria digna

Xan Xove: “As listas de agarda de semanas para ter cita no centro de saúde, as baixas sen cubrir e as prazas baleiras non se poden facer pasar por normalidade”


Desde a Marea Atlántica, queremos facer un chamamento a participar este domingo, 12 de febreiro, na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública, que partirá ás 12h da Alameda de Santiago de Compostela, en defensa dunha atención primaria digna no Servizo Galego de Saúde. “Acudiremos este domingo a Santiago, e queremos convidar a toda a cidadanía a mobilizarse para defender a sanidade pública”, afirma o noso candidato á Alcaldía da Coruña, Xan Xove. 

Deste xeito, sumámonos á denuncia do colapso na Atención Primaria, que acusa os recortes que o goberno do PP na Xunta vén facendo desde o primeiro mandato de Alberto Núñez Feijóo, e que se traduce nun sistema de centros de saúde cada vez máis debilitado. “Non podemos asumir como normal que haxa listas de agarda de semanas para unha cita de Medicina de Familia, que as baixas queden sen cubrir e as prazas de profesionais queden vacantes. Temos que defender unha sanidade pública universal, gratuíta e de calidade, con profesionais e medios dabondo en toda Galicia”, reclama Xan Xove. 

A Atención Primaria é o punto de entrada do sistema de saúde pública, e unha das súas principais ferramentas de prevención. Se non funciona, se a xente non recibe atención que precisa, recorre aos servizos de urxencias hospitalarias, que padecen un colapso á súa vez. E, a longo prazo, a falta de supervisión médica ten efectos graves na saúde da poboación. 

Así, na Coruña temos servizos de urxencias permanentemente saturados, e centros de saúde que están ao límite, con longas listas de agarda, e que mesmo perden servizos por non cubrir as baixas e vacacións, como ten acontecido en  Labañou, Monte Alto ou Novo Mesoiro.

Como sinala o noso candidato á Alcaldía, “os e as profesionais sanitarias están a facer un esforzo titánico, en condicións moitas veces precarias, para soster o sistema. Se a sanidade pública segue funcionando é grazas a este esforzo, pero a situación non pode continuar así. A Xunta ten que garantir os recursos necesarios para o bo funcionamento do Servizo Galego de Saúde”.

O 80% da atención co 15% dos recursos

Desde SOS Sanidade Pública denuncian que pese a ser unha peza central do Sergas, a Atención Primaria concentra boa parte dos recortes das últimas décadas, especialmente en persoal, e dáse o paradoxo de que ten que atender o 80% dos problemas de saúde pero recibe menos do 15% do gasto sanitiario. 

SOS Sanidade pública é unha plataforma de profesionais da saúde, apoiada por organizacións sociais, sindicais, profesionais e políticas, entre as que se atopa a Marea Atlántica desde as súas orixes. Nesta ocasión, volveremos estar o domingo en Compostela, defendendo que coa saúde non se negocia. 

Este domingo, saímos a rúa para defender a Sanidade Pública