A Marea Atlántica acompañou na manifestación de hoxe á veciñanza de Eirís afectada pola ampliación do CHUAC, e reclamou que se mellore a interlocución coas partes implicadas, a transparencia no proxecto e que se procure minimizar efectos negativos nas vivendas e no barrio
Ao igual que fixemos no Pleno do mes de febreiro, cunha proposta rexeitada por PP e PSOE, defendemos a protección de todas as casas posibles e a seguridade económica do Concello
A Marea Atlántica, que participou hoxe na mobilización convocada pola veciñanza de Eirís, volve a reclamar que as obras de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) se leven a cabo coa mínima afectación posible sobre as vivendas e o barrio, ampliando as instalacións por exemplo cara o noroeste. A necesidade de mellorar o hospital non xustifica causar prexuizos que se podan evitar.
Cómpre lembrar que o convenio entre o Concello e a Xunta para aprobar estas obras foi asinado en febreiro, ás présas e cunha tramitación chapuceira, na procura dun titular en tempos de pandemia que difumine anos de deterioro da sanidade pública. Despois de ter paralizado o Plan Director do CHUAC durante 20 anos, a Feijóo e Inés Rey entroulles a urxencia e tramitaron o documento coma se fora un atraco a un banco, con nocturnidade, sen pisar a Comisión de Urbanismo e con menos de 12 horas para estudar a documentación.
Para mellorar o desastre, presentamos un voto particular no Pleno de febreiro, con emendas de sentido común para garantir a viabilidade do proxecto, o mínimo impacto nas vivendas e a seguridade económica do Concello. Emendas que foron rexeitadas polo PSOE e o PP, man a man, máis interesados en garantir que se aprobaba o convenio que quere Feijóo que no interese xeral da Coruña.
Seguiremos insistindo para que a necesaria amplación do CHUAC teña con todas as garantías:
- Dialogar coa veciñanza e procurar o mínimo impacto posible nas vivendas, tal e como o goberno municipal lle prometeu á veciñanza afectada o 19 de xaneiro de 2021, cos debidos informes e planos, incluíndo os accesos.
- Garantir que o Concello da Coruña, que terá que poñer polo menos 26 millóns de euros, conta con fondos suficientes para afrontalo. Reducir o gasto en expropiacións para que non supere os 9 millóns de euros. Se o hospital medra cara ao noroeste e afecta a menos vivendas, o gasto ten que reducirse en consecuencia.
- Asegurar que o Concello da Coruña participe e teña voto na licitación das obras e o expediente de xustiprezo das expropiacións. Tal e como está redactado, limítase a poñer cartos e deixar que a Xunta decida todo.
En defensa da sanidade pública
Insistimos, como xa fixemos esta semana, reclamamos que Feijóo lle dea marcha atrás aos recortes e privatizacións cos que vén castigando á sanidade pública desde 2008. É preciso garantir unha atención sanitaria de calidade, recuperar as citas presenciais nos centros de saúde e rematar coa precariedade do persoal sanitario. Por moitos millóns que meta en cemento para as obras do CHUAC, non se pode esquecer dos recuros básicos para garantir o dereito á saúde da veciñanza.