A Marea Atlántica participou na concentración ante as instalacións do polígono de Agrela, contra o peche das factorías e contra a represión sindical 

A Marea Atlántica apoiou hoxe, unha vez máis, as reivindicacións do cadro de persoal da fábrica de aluminios da Coruña, a antiga Alcoa, que segue ameazada de peche máis dun ano despois da operación de venda que, en teoría, deixaba o seu futuro garantido. O ex-alcalde e membro da Coordinadora da Marea, Xulio Ferreiro; a voceira municipal da organización María García, o voceiro provincial, Alberto Lema, e o vicevoceiro municipal, Iago Martínez, participaron hoxe na concentración convocada polo Comité de Empresa diante da fábrica, contra a fraude na operación de venda e contra a represión sindical que exerce o Grupo Riesgo, actual propietario das instalacións. Tamén contra o peche da factoría de aluminio primario da Mariña, por parte de Alcoa. 

Xulio Ferreiro declarou que “os gobernos do Estado e a Xunta non poden poñerse de perfil diante do peche das fábricas de aluminio, unha situación gravísima para o tecido industrial da Coruña e A Mariña. Deben tomar cartas no asunto e intervir as plantas para salvar os case mil postos de traballo directos que están en xogo, con milleiros de empregos indirectos. Hai que actuar para que a industria non quede sen futuro e pola dignidade de Galicia e A Coruña”. 

Cómpre lembrar que Alcoa, unha multinacional que recibiu millóns de euros en axudas públicas, quixo pechar a súa fábrica na Coruña, pero rematou vendéndoa no verán de 2019 ao grupo Parter, co compromiso de manter o emprego. Parter faltou ao acordo e vendeu, á súa vez, as instalacións ao grupo Riesgo, nunha operación opaca e fraudulenta que pon agora en xogo a continuidade da fábrica. Na Mariña, Alcoa opta directamente polo peche, sen ningunha opción alternativa. Non pode consentirse que a cobiza das grandes empresas deixe a Galicia sen un recurso industrial importantísimo.