Saltar ao contido

O grupo municipal da Marea Atlántica emenda o modificativo de crédito do goberno para sumar 62.000 euros ao mantemento dos centros de ensino

Este luns apoiaremos o cambio nos orzamentos para resolver por fin os atrasos no pago da Renda Social Municipal que denunciamos en agosto 

O grupo municipal da Marea Atlántica introducirá unha emenda no modificativo de crédito que irá este luns a un Pleno extraordinario, para engadir fondos destinados a obras de mellora nos colexios públicos da Coruña. Deste xeito, propoñemos sumar algo máis de 62.000 euros para arranxar deficiencias na escola infantil municipal Arela e no CEIP San Francisco Xavier, reforzando o compromiso co ensino público que o Concello amosou no anterior mandato.

É, ademais, un xeito de paliar a falta de financiamento en necesidades básicas que quedaron sen dotación a causa da prórroga dos orzamentos do ano pasado. Pode financiarse con baixas en calquera partida de publicidade, ou en calquera outra que o goberno decida, sempre que non afecte ao gasto social nin ao equilibrio orzamentario.

Faremos posible a solución para os impagos da Renda Social

Como xa anunciamos, o modificativo contará co noso voto favorable, para facer posible, por fin, que rematen os atrasos no pago da Renda Social Municipal e nas axudas de emerxencia. Lamentamos que tivesen que pasar tres meses desde a investidura de Inés Rey e case corenta días desde que denunciamos publicamente os impagos, pero celebramos que por fin o goberno municipal achegue unha solución.

Hai, como mínimo, 55 familias que tiñan dereito a esta prestación para garantirse unha vida digna, un dereito que se lles estaba a negar.  Confiamos en que os fondos consignados (417.000 euros para a Renda Social e 240.000 para as axudas de emerxencia) sexan suficientes para que esta situación non se repita.

Este luns, na Comisión de Benestar Social que se celebra despois do Pleno (ás 14.00h) solicitamos que o goberno dea máis datos sobre as persoas afectadas polos atrasos no pago das prestacións sociais, e sobre as vías que pensa seguir. Procuraremos coñecer, tamén, o estado dos trámites para solucionar o problema, unha vez aprobado o modificativo de crédito.

Medidas de mobilidade sostible

A proposta do goberno municipal inclúe, ademais, o traslado entre capítulos orzamentarios de 1,7 millóns de euros xa previstos que se destinarán a financiar iniciativas de mobilidade sostible impulsadas durante o anterior mandato, algunhas a través dos Orzamentos Participativos e outras mediante os fondos DUSI que A Coruña gañou en xullo de 2017. Fundamentalmente, significarán a implantación da bicicleta eléctrica en Bicicoruña e a mellora e ampliación da súa rede de estacións.  Por suposto, é outro motivo para o noso voto favorable.

Máis obras de mellora nos colexios públicos