Saltar ao contido
Autobús urbano de A Coruña en una parada.

María García: “Se o goberno municipal non coida do transporte público nin protexe a saúde, incentivará o uso do coche, aumentando o tráfico, o ruído e a contaminación”

O Concello ten que preocuparse menos polo beneficio da Compañía de Tranvías, trinta veces superior aos da súa homóloga en Vigo, e máis por fomentar o transporte público

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, reclamou hoxe na Comisión de Mobilidade do Concello, un maior control do aforo nos buses urbanos, para evitar as aglomeracións que se están a producir estes días, e un aumento das frecuencias para seguir garantindo o servizo moi especialmente nas liñas universitarias. 

“Se o Concello non coida do transporte público nin cumpre a normativa sanitaria, estaremos a incentivar o uso do coche, con máis tráfico, máis contaminación, máis ruído e máis problemas de mobilidade urbana. Hai que esixirlle á Compañía de Tranvías que cumpra”, explica María García. 

A concelleira esixiulle ao executivo local que “se preocupe menos polos beneficios de Tranvías, trinta veces superiores aos da empresa de transporte urbano de Vigo, e máis por garantir o uso seguro do transporte público durante a pandemia, nun momento no que é dobremente importante”. 

Doutra banda, María García pediulle ao concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, que conte coa veciñanza no proxecto para a recuperación do carril bus en Juan Flórez. É unha medida positiva, pero debe ser compartida coa cidadanía para resolver posibles problemas e recabar o máximo consenso e apoio. 

Acordos incumpridos en mobilidade

A nosa portavoz lembroulle tamén ao goberno municipal que, entre os moitos puntos incumpridos do noso acordo de investidura está introducir descontos no billete de bus para maiores de 65 e menores de 25 anos, unha iniciativa dobremente necesaria na crise que estamos a vivir. 

Cómpren medidas concretas, medidas como a baixada da tarifa do bus que se implantou no mandato da Marea Atlántica, e que significou que o ano pasado o transporte urbano batera a súa marca histórica de viaxes: 23 millóns en total. 

Reclamamos, tamén, o cumprimento do acordado na implantación da aplicación móbil Millenium Pŕoxima, que permitiría o pago do autobús a través do teléfono e sen contacto físico. Ademais da comodidade para as persoas usuarias, axudaría a minimizar o contacto físico no autobús. Quedou moi avanzada no mandato anterior, pero o goberno municipal non está a ser quen de rematar o proxecto. 

No bus urbano: menos aforo e máis frecuencias