Novas da Marea

Máis actividade para os equipamentos escolares

Xulio Ferreiro: “As instalacións dos centros educativos deben estar dispoñibles fóra do horario escolar”

O candidato á alcaldía da Coruña da Marea Atlántica asegura que “ sen perder a prioridade das actividades lectivas e extraescolares, cremos que estes espazos tamén poden acoller actividades organizadas polo Concello ou outras entidades asociativas, veciñais, culturais ou deportivas”

 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, adiantou outra das propostas que a plataforma cidadá que encabeza impulsará desde o goberno municipal: “A Marea apostará pola apertura e dispoñibilidade, fóra do horario escolar, das instalacións dos centros educativos”.

“Na Marea cremos no ben e nos bens comúns. Partindo da nosa firme defensa da educación pública e de calidade que, por desgraza, tantos recortes está a sufrir nos últimos anos e deixando claro que o destino prioritario das instalacións dos centros educativos é o educativo, sexa en horario lectivo ou mediante actividades extraescolares ou complementarias, consideramos que estes espazos, tanto cubertos como descubertos, poden e deben estar dispoñibles tamén para o desenvolvemento de actividades organizadas polo propio Concello ou outras entidades asociativas, veciñais, culturais, deportivas, etc…”, indica Xulio Ferreiro.

O cabeza de lista da Marea defende así a sinatura “dun convenio coa Consellería de Educación que conte coa participación activa da comunidade educativa e permita un maior uso das instalacións escolares, reivindicación cidadá amplamente solicitada á que se suma desde xa a Marea Atlántica e que tamén impulsará desde Maria Pita”.

Así mesmo, Xulio Ferreiro insistiu en “apoiar a demanda da veciñanza de Novo Mesoiro a prol da construción dun centro educativo no barrio, petición que non está a ser atendida pola Xunta ante o silencio do señor Negreira, máis preocupado de defender ao seu partido que de resolver os problemas dunha cidadanía necesitada de servizos básicos”.

 

 

Have your say