Saltar ao contido

Manifesto en apoio da candidatura de En Marea ás eleccións xerais do 20 de decembro de 2015

 

A Coruña, 7 de decembro de 2015

Galicia quere cambio. Un cambio nas políticas e na política, no modelo de sociedade que queremos para o futuro e no xeito de organizar a nosa vida en común e a participación nas institucións. Demostrouno o pasado mes de maio, dándolle aos novos procesos de confluencia e unidade popular os gobernos municipais da Coruña, Ferrol e Santiago e representación en moitos outros concellos, grandes e pequenos, de todo o país. Unha auténtica rebelión democrática aínda en curso.

En maio puxemos o que nos unía por diante do que nos separaba. Dende as condicións particulares de cada vila e de cada cidade, dende abaixo, con xenerosidade e altura de miras, construímos colectivamente novas ferramentas para o cambio. Ferramentas amplas e plurais, capaces de incorporar o maior número de actores, dentro e fóra dos partidos políticos. Ferramentas, en moitos casos, lideradas pola cidadanía. Non só para sumar, senón para multiplicar.

En maio organizamos un desexo común, fixemos os nosos programas electorais de maneira participativa, sometemos as nosas candidaturas a primarias abertas e puxemos de novo as persoas no centro das nosas preocupacións. Abrimos de par en par a política e a praza encheuse de xente. Como no 15M. Como Nunca Máis. Conseguimos, coas nosas propias mans, sen as hipotecas do pasado, levantar unha onda de ilusión xigantesca por todo o país.

En maio conxurámonos para rescatar a xente. Para garantirlle unha vida digna a todas as nosas veciñas e a todos os nosos veciños. Para procurar unha economía máis xusta e sustentable. Para democratizar as institucións e poñelas, non só ao servizo da xente, senón ao alcance da xente. E para sacoder a clase política, unha clase política que non se parecía a nós, sobre a base dun forte compromiso ético. Propuxemos un novo contrato, unha nova política.

A vitoria de maio trazou unha liña no ecosistema político galego que só se pode atravesar nunha dirección: cara adiante. E por iso hoxe, procesos diversos de unidade popular e confluencia de toda Galicia nos xuntamos na Coruña para ratificar o noso compromiso cun proceso de cambio que vai moito máis alá das eleccións municipais, unha primavera longa que se enfronta o 20 de decembro a un novo desafío nas eleccións xerais e que debera culminar o ano próximo desaloxando por fin o PP da Xunta de Galicia. Non imos permitir ningún paso atrás.

Todo o noso apoio e toda a nosa forza para as compañeiras e os compañeiros que encabezan a candidatura de En Marea nestas eleccións xerais. Para que leven a onda de ilusión das mareas e avanzada dos nosos gobernos rebeldes ao Congreso dos Deputados.

Maio foi só o principio. Galicia quere cambio. E isto non hai quen o pare.

Hai marea!

 

Asinan

Marea Atlántica
SON de Abegondo – Foro Veciñal
Iniciativa Cidadá Ames Novo
SON Ares
Contigo Pódese Ames
Boiro Novo
Somos Cambados
Alternativa Canguesa de Esquerdas
SON Carballo
Movemento Veciñal Estradense (MÓVETE)
Ferrol En Común
SON Malpica
Marea Cidadá de Noia
Ourense en Común
SON Pereiro de Aguiar
Nós Pobra
Marea de Pontevedra
Rianxo en Común
Compostela Aberta
Marea de Vigo
Vilalba Aberta
Gañemos Vilanova
Gañemos Viveiro
SON Viveiro
Ribeiro en Común
SON De Abegondo – Foro Veciñal
SON de Toén
Alternativa Veciñal do Carballiño
Nigrán Decide
Xunt@S Por As Pontes

Maio foi só o principio