Saltar ao contido
Parcela da Maestranza

María García: “Estamos ante un proxecto que pon en risco o último espazo aberto da Cidade Vella, a carón do mar,  e a conservación dos restos das antigas  murallas da Coruña”

A Marea Atlántica vén de rexistrar alegacións ao novo Estudo de Detalle aprobado pola Xunta de Goberno Local o 22 de xullo para a edificación na segunda das dúas parcelas da Maestranza vendidas polo ministerio de Defensa, un fraccionamento do ED presentado hai un ano para as parcelas 1 e 2,  e que en nada mellora o desastre urbanístico que propuña o anterior, valorado moi negativamente pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta. “Levantar un edificio de cinco plantas nun dos últimos espazos abertos da Cidade Vella e no que se conserva parte da muralla defensiva da Coruña é propio dun modelo urbanístico que debería estar xa esquecido e superado”. sinala a voceira municipal da Marea Atlántica, María García

García explica que “estamos ante unha fragmentación do Estudo de Detalle presentado hai un ano para as dúas parcelas, nun intento de acelerar a construción na Maestranza, pero os problemas son exactamente os mesmos: vai contra a protección do Campo da Estrada, un espazo singular, próximo ao mar e con presenza de restos arqueolóxicos protexidos coma Ben de Interese Cultural”. Xa en 2021 alegamos contra este proxecto, con propostas que non foron respondidas aínda polo goberno local. E por iso volvemos facelo agora.

Nas nosas alegacións sinalamos que o Estudo de Detalle presentado por  Lipromo A Coruña, S.L.U. volve incumprir a protección da muralla da Coruña, ignorando completamente os informes do arqueólogo municipal. Non respecta nin os límites da declaración da Cidade Vella da Coruña coma Ben de Interese Cultural do Conxunto Histórico-Artístico, aprobada en 1984, nin a Lei de Patrimonio Cultura de Galicia. As actuacións no subsolo que se precisan para levantar un bloque cinco alturas son unha ameaza aos elementos arqueolóxicos e a seu entorno de afección.

Un mamotreto contrario á normativa urbanística e ambiental

O bloque de vivendas previsto para a Maestranza tamén infrinxe as Normas de Aplicación Directa previstas na Lei do Solo de Galicia e tamén a normativa estatal básica. Conformaría unha barreira arquitectónica completamente fora de lugar na Cidade Vella, rompendo a unidade paisaxística deste conxunto histórico e artístico. Estas normas, cómpre lembralo, teñen un rango maior que o planeamento municipal e prevalecen sobre el, segundo ten sinalado xa diversa xurisprudencia.

Do mesmo xeito, o proxecto incumpre os criterios estratéxicos de desenvolvemento urbano sostible, recollidos tanto na estratexia EIDUS Coruña (que mereceu 15 millóns de euros de fondos europeos no mandato anterior), como na a estratexia de Cambio Climático 2014-2020 e na a Axenda Urbana 2030 das Nacións Unidas. Tamén é contrario aos criterios de mitigación e adaptación á emerxencia climática, que aconsellan a protección das zonas con vexetación.

“É hora de revisar os criterios de urbanización que se fixaron no PXOM de 2013, pensados para unha Coruña irreal que tería 300.000 habitantes en 2025, cando agora somos 247.000”, conclúe María García. A nosa voceira engade que “A Coruña ten unha elevadisima densidade de poboación, e un déficit de espazos abertos e zonas verdes. Polo tanto, protexer o Campo da Estrada debería ser unha prioridade antes que permitir a construción de vivenda nun lugar totalmente inapropiado”.

Nun contexto de crise climática estamos a asistir a medidas de mitigación da calor na cidade por parte de todos os gobernos europeos, tamén o español. A conservación dos poucos espazos libres que quedan na cidade é unha máxima para a consecución deste obxectivo urxente. A parcela 2 da Maestranza debería formar parte da rede de espazos libres da cidade, e tamén neste sentido formulamos as nosas alegacións.

 

Maestranza: alegamos para protexer o espazo público e o patrimonio arqueolóxico no Campo da Estrada