O ex-alcalde Xulio Ferreiro e Celsa Díaz Cabanela, Republicana de Honra en 2019 e presa política no cárcere da Torre, pechan a candidatura que lidera Xan Xove
Aos dez postos de saída, escollidos en primarias, súmanse referentes da universidade, o ecoloxismo, a atención á dependencia, o movemento veciñal, o terceiro sector, o benestar animal, a defensa da sanidade e o ensino públicos, a memoria democrática e a cultura de base
A Marea Atlántica vén de rexistrar a súa candidatura completa para as eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. A lista encabezada por Xan Xove, está formada por 27 persoas titulares, 10 suplentes e un últmo posto simbólico para o refuxiado sirio Ahmad Matar, “por todas aquelas persoas que non poden participar”. “Ahmad ten recoñecida a nacionalidade española, pero debido á lentitude do labirinto burocrático aínda non ten número de DNI, polo que non pode ser candidato oficial. Pero é un orgullo que queira acompañlarnos igualmente”, segundo Xove.
O peche da candidatura queda reservado para Xulio Ferreiro, exalcalde da Coruña e hoxe decano da Facultade de Dereito, todo un referente no muncipalismo, e para Celsa Díaz Cabanela, Republicana de Honra en 2019 e presa política durante o franquismo, cumprindo condea no cárcere da Torre.
Así, aos dez postos de saída, que foron escollidos nunhas primarias abertas no mes de novembro, súmanse dúas ducias de persoas, referentes da universidade, o ecoloxismo, a atención á dependencia, o movemento veciñal, o terceiro sector, o benestar animal, a defensa da sanidade e o ensino públicos, a memoria democrática e a cultura de base. “Son persoas que, nestas eleccións decisivas, quixeron darlle o seu apoio á Marea Atlántica e a unha cidade máis xusta, verde, feminista e democrática. É un orgullo camiñar ao seu carón”, afirma Xan Xove.
A candidatura da Marea Atlántica, ao completo
1.- Xan Xove: Pasou a súa infancia na Agra, a adolescencia no Castrillón e agora residente en San Roque de Fóra, case toda a vida apañando o bus da liña 14. Titulado en Traballo Social, carteiro e delegado sindical en Correos. Foi Deputado no Parlamento de Galicia, participando nas Comisións de Pesca e Marisqueo, de Educación e Cultura e de Control da CRTVG, entre outras. Tamén foi Compoñente de históricas bandas de rock galego, de “trad” e da música mestiza en Barcelona. Dende a loita contra o servizo militar obrigatorio até a defensa da lingua e a cultura galegas, pasando polo ecoloxismo, Nunca Máis e a Burla Negra, as Marchas da Dignidade, o 15M, o asociacionismo veciñal e, desde 2014, na Marea Atlántica.
2.- Bea González de Canales: Orgullosa enfermeira de UCI no Hospital da Coruña e veciña do Corralón da Gaiteira. Socia de Cuac FM, a radio comunitaria da Coruña, desde 1996, onde desenvolve unha intensa actividade asociativa. Integrante da Coordinadora da Marea Atlántica.
3.- Rodri Gil: Fillo da emigración. Nado en Caracas (Venezuela) e veciño da Agra do Orzán. Educador social e responsable da Oficina dos Dereitos da Marea Atlántica. Membro da Xunta de Goberno do Colexio de Educadoras Sociais de Galicia. Activista contra a pobreza e a exclusión. Voceiro da Marea Atlántica. A Renda Básica Universal sempre no horizonte.
4.- Chiqui García: Arquitecta e veciña do Matadoiro. Reside na Coruña desde 1996, onde iniciou os seus estudos universitarios. Foi parte da plataforma ‘A Cidade dos Barrios’ e da xunta directiva do COAG.Traballou no goberno de Xulio Ferreiro como asesora en Urbanismo.
5.- Victoria Mejuto: Técnica auxiliar de enfermería con 38 de experiencia na sanidade pública, e comprometida na súa defensa contra recortes e privatizacións. Veciña de Palavea, implicada en dinamizar o barrio desde a Asociación Sociocultural Campo da Pena.
6.- Javier Pérez: Naceu nos Mallos, medrou en Elviña e na actualidade reside en Catro Camiños. Casado, pai de dúas fillas, e profesor do ensino secundario desde hai 22 anos. Sempre na educación pública, onde desempeñou diversos cargos directivos.É mareante desde 2015 e xa foi parte da candidatura de Xulio Ferreiro para as eleccións de 2019.
7.- Marta Cortacans: Barcelonesa de nacemento, coruñesa de adopción e catallega por vocación. Deseñadora gráfica e directora de arte para diversas axencias, especializada na cultura, a moda e o cinema entre outros.Veciña de Monte Alto, onde ten o seu propio estudio. Ilusionouse coa Marea Atlántica nas rúas da Coruña, unha organización da que hoxe é voceira.
8.- César Pena: Deseñador de cousas en papel desde primaria. Foi asalariado, formador, empresario e, sobre todo, autoempregado.Nos últimos 5 anos especialízase en mellorar a experiencia da xente na Internet. Tenente de alcalde de Mugardos no pasado mandato por Iniciativa Cidadá.
9.- Carmen Villar: Sindicalista e traballadora de Comisións Obreiras. Veciña dos Rosales. Licenciada en Psicoloxía e activista dos movementos sociais e do feminismo. Formou parte do goberno de Xulio Ferreiro como asesora en Xustiza Social.
10.- Alfonso Mascuñana: Veciño de Palavea e profesor de Filosofía xubilado. Voluntario en campañas de solidariedade internacional en Lesbos, Nicaragua, Honduras, Perú… Integrante do Movemento en Defensa das Pensións e outras iniciativas sociais. Foi parte da candidatura de Xulio Ferreiro en 2015.
11.- Mariló Candedo: Pedagoga e profesora da Universidade da Coruña, onde é hoxe adxunta do reitor para a Coordinación e Relacións Institucionais, e onde leva trinta e cinco anos combinando docencia e xestión. Implicada nos movementos en defensa da educación pública, da lingua galega e da innovación educativa, é tamén parte activa do colectivo pola Renda Básica Universal.
12.- Gema Rivera: Enfermeira xubilada, tras máis de 40 anos de traballo na sanidade pública no CHUAC e no Centro de Saúde de Elviña. Responsable de Anova na Coruña, foi unha das primeiras 99 asinantes do Manifesto da Marea Atlántica. Pertence á plataforma SOS Sanidade Pública, foi representante sindical da CIG na Xunta de Persoal do CHUAC. Filla e neta de xente mariñeira.
13.- Iván Núñez: É adestrador de atletismo e formador, e chegou a ser campión de España e récord de Galicia en lanzamento de peso. Moi coñecido no mundo do deporte, foi coordinador del Club Atletismo Coruña e xerente da Asociación Española de Deporte para Todos, así como adestrador de atletas de nivel nacional en probas de velocidade..
14.- Ana Louzán (independente): Socia cofundadora da ONG Viraventos, que leva desde 2007 facendo un traballo inmenso na Coruña para garantir a igualdade e a convivencia coas persoas migrantes. É titulada en Educación Social e exerceu profesionalmente como técnica de inserción sociolaboral.
15.- Txemi Jiménez: Naceu en Vitoria-Gasteiz e vive na Coruña desde hai vinte anos. É representantes de Verdes-Equo na cidade, arquitecto técnico e profesor de FP na rede de centros públicos da Xunta. Activista incansable polo ecoloxismo e a mobilidade sostible, é socio de Greenpeace e participa na Plataforma en defensa do Tren A Coruña e As Mariñas. Tamén é membro fundador e actual presidente da Asociación Cultural Canta Compaña.
16.- Araceli Serantes ‘Boli’: Profesora da Universidade da Coruña e doutora en Innovación e Investigación Educativa, especializada en educación ambiental, e activista na protección da natureza. Forma parte de grupos de investigación estatais e internacionais, relacionados coa difusión dos valores de protección do planeta e a xustiza climática, o uso público das áreas naturais protexidas, cooperación internacional e participación cidadá, entre outras cuestións.
17.- Sole Cundins (independente): Independente. Activista polos dereitos dos animais. Fundadora e presidenta da Asociación Coruña Gatuna, que se implicou desde o comezo na xestión ética das colonias felinas co modelo CER: Captura, Esterilizacion e Retorno. Técnica de Radioloxía no Centro Oncolóxico de Galicia durante máis de 30 anos, onde tamén foi representante sindical.
18.- Marcial Blanco: Socio traballador da cooperativa Zocamiñoca desde a súa creación en 2009, fomentando o consumo responsable e a alimentación de proximidade. Participou na creación de Mobi-Liza, asociación pola mobilidade responsable, e de Masa Crítica Coruña, colectivo polo uso da bici. Activo en Manicómicos, CUAC FM e Xacarandaina, entre outros espazos.
19.- Cristina Antelo (independente): Traballadora do Servizo de Asistencia no Fogar, delegada de persoal e de prevención de riscos. Unha desas persoas imprescindibles para que moitas familias poidan coidar a quen está en situación de dependencia. Sindicalista e colaboradora de protectoras de animais.
20.- Mariano Fernández: Naceu en Ponferrada hai 51 anos, dos que leva 34 vivindo na Coruña. É xestor cultural, empresario e comunicador comunitario. Expresidente da Rede de Medios Comunitarios (ReMC), foi un dos fundadores de Cuac FMe leva sendo durante máis de dúas décadas activista a prol do dereito a comunicar da cidadanía. Mareante dende 2014, foi parte da candidatura de 2019 encabezada por Xulio Ferreiro.
21.- Marian Ledesma (independente): Traballadora da cultura de base, cantante profesional, blueswoman e profesora de canto. A súa voz pode escoitarse no trío Marian Ledesma & Tinaquero Brothers, entre outras bandas. Versiona a Billie Holiday coma poucas, e defende o dereito a unha cultura libre e para todos. Arxentina e coruñesa.
22.- Sabela Pérez: Veciña de Durmideiras. Profesora dedicada na renovación pedagóxica. Toda unha vida implicada na defensa do medio ambiente. Colabora con Ecoloxistas en Acción na Coruña e foi voceira da Coordinadora da Marea Atlántica.
23.- Miguel Garea: Coruñés e economista do campo da innovación tecnolóxica, que traballa na Universidade da Coruña. Ten participado como activista en diversos colectivos da cidade, apostando sempre pola participación e a construción comunitaria. Por iso, está na Marea Atlántica dende 2014.
24.- Eva G. Amador: Implicada no movemento veciñal, orgullosa nai de tres fillos e feminista “por convicción e necesidade vital”. Traballa como restauradora de documentos no Arquivo Histórico do Reino de Galicia. Tamén licenciada en Antropoloxía Social e Cultural, formando parte de grupos de investigación sobre a muller no ámbito galego.
25.- Luís de la Peña: Desde Os Castros, activista veciñal dende os inicios do movemento cidadán. Amante da Natureza, con toda unha vida como militante medioambiental, convencido e comprometido.
26.- Celsa Díaz Cabanela: Republicana de Honra en 2019, nomeada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Foi militante das Xuventudes Comunistas durante o franquismo, detida en varias ocasións e presa política no antigo cárcere da Torre.
27.- Xulio Ferreiro: Ex-alcalde da Coruña coa Marea Atlántica, liderando unha transformación política cara unha cidade mellor. Decano da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña e profesor de Dereito Procesual. Veciño da Gaiteira e socio do Dépor.
Simbólico
28.- Ahmad Matar: Refuxiado da guerra de Siria. Leva sete anos na Coruña, loitando polo dereito de asilo e o recoñecemento da poboación migrante. Fundador do colectivo RefuCoru, hoxe traballa co terceiro sector en protección internacional, e colabora coa nosa Oficina dos Dereitos. Ten recoñecida a nacionalidade española, pero non pode ser candidato oficialmente ao carecer aínda de número de DNI. Representa a todas esas persoas que non poden participar
Suplentes
1.- Manuel Patiño
2.- Natalia Martínez
3.- Elena Amiano
4.- Daniel Cando
5.- Begoña Romero
6.- Lola Ponte
7.- Miguel Anxo Casal
8.- Concha Sánchez
9.- Luz Ares
10.- Enrique Luis Calviño