Saltar ao contido

Os gobernos central e autonómico avalaron a venda da antiga factoría de Alcoa, e quedaron de brazos cruzados despois de que a nova empresa rematase en mans de delincuentes 

María García: “Non se entende que houbese milleiros de millóns para rescatar a banca ou as autoestradas, pero nin un peso para salvar unha industria viable, con 300 empregos e que produce unha materia prima esencial”


A Marea Atlántica lamenta que os gobernos do Estado e a Xunta deixaran sen exercer as súa competencias e abandonasen a fábrica de aluminios de Alu Ibérica no polígono da Agrela, renunciando a protexre unha industria competitiva e da que dependen 300 postos de traballo. A situación da factoría, que foi no seu día parte da empresa pública Inespal, é critica tras coñecerse que o xulgado do Mercantil nº 2 da Coruña decretou a apertura da fase de liquidación da sociedade. 

Para a voceira da Marea Atlántica, María García, “non pode entenderse que a Consellería e o Ministerio de Industria quedasen de brazos cruzados. Non pode entenderse que houbera 9.000 millóns para enterrar en Novacaixagalicia ou máis de 3.000 para rescatar autoestradas de peaxe, pero non se poña un só euro para salvar unha fábrica viable, con carteira de clientes e que produce un material esencial coma o aluminio, cuxo prezo está a bater marcas”. 

Así, Xunta e Estado avalaron a venda das instalacións da antiga Alcoa na Coruña e Avilés,  e a creación de Alu Ibérica, unha nova empresa que rematou en mans de delincuentes. Atópase investigada, intervida pola Xustiza e en concurso voluntario de acredores. E, segundo trasladan os sindicatos, o administrador concursal xa anunciou esta semana que está a traballar nun ERE de extinción que suporía o despido da plantilla completa e o peche definitivo da fábrica. 

En contra do prometido polo Ministerio e a Consellería, non apareceu ningún comprador interesado en manter os postos de traballo e a industria en funcionamento. E o peche definitivo das instalacións da Coruña e Avilés supón que desapareza a produción de aluminio en España, pese a tratarse dun material de alta demanda. A inacción política resulta imposible de entender neste caso. 

Lamentamos que a inacción de Xunta e Estado levasen á fábrica de aluminio da Coruña á súa liquidación no xulgado