Saltar ao contido

María García: “Van 14 meses de mandato e o goberno municipal sigue facéndolle oposición á Marea Atlántica con queixas e anuncios, pero ningún resultado. Nas rúas e nos contratos non pasou nada”

O PSOE asegura que gastará nun mes 250.000 euros nun plan de limpeza pírrico, executado cun convenio irregular mediante emprego precario. Un enorme erro

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, instou hoxe ao goberno do PSOE a “descansar un pouco da propaganda e asumir que están gobernando”, poñendo en marcha dunha vez os novos contratos municipais de recollida de lixo e limpeza viaria. “Van 14 meses de mandato e o único que escoitamos son anuncios e queixas sobre o goberno anterior como se seguiran na oposición, pero ningún resultado. Nas rúas e nos contratos non pasou nada”, engadiu García.

Despois de 14 meses de goberno socialista, o contrato de limpeza viaria, xa en licitación no traspaso de poderes, continúa sen facerse efectivo. En lugar diso, vén de anunciar un plan dun mes de duración que custará 250.000 euros e se levará a cabo cun convenio irregular que precariza as condicións de traballo.

“Nestes momentos de crise e pandemia, non se pode consentir este malgasto de cartos públicos, que só servirá para que Inés Rey disimule a súa total falta de acción. É un erro enorme”, sinala a nosa voceira municipal. “Os servizos que se realizaran neste presunto plan de choque están incluídos tanto no vello coma no novo contrato de limpeza viaria, que quedou preparado”.

Un ronsel de contratos pendentes. 

A limpeza viaria non é o único contrato atascado na área de Medio Ambiente. Do de Nostián non se sabe nada, a pesar de que está a piques de acabar o período de intervención directa aplicado polo Concello a comezos de ano. O contrato de recollida de lixo está sen adxudicar. O dos novos contedores si foi adxudicado, pero aínda falta que se coloque o primeiro nas rúas. E o de parques e xardíns está en paradoiro descoñecido, logo de que o goberno de Inés Rey non acredite se a concesionaria cumpre as condicións dos pregos ou non.

En resumo, quen viña dar leccións de boa xestión ten paralizados os principais contratos de Medio Ambiente, a pesar de chegar con boa parte do traballo feito.

Limpeza viaria: menos propaganda e máis xestión