Xan Xove, candidato á Alcaldía, propón que as empresas concesionarias teñan que seleccionar ao seu persoal con criterios transparentes e obxectivos, ademais de crear un buzón seguro para denunciar irregularidades: “Precisamos limpeza na limpeza”
O Concello ten hoxe máis capacidade de fiscalización e control que no pasado mandato grazas aos contratos herdados da Marea Atlántica: instamos a Inés Rey a aproveitala ao máximo
O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, e nosa a voceira municipal, María García, ofreceron hoxe unha rolda de prensa con propostas para a fiscalización e a mellora dos servizos de limpeza viaria e recollida do lixo. Ante a alarma xerada pola investigación policial aberta e os presuntos casos de corrupción no eido privado que se están a detectar, instaron a alcaldesa e o goberno local a aplicar os controis xa previstos e, especialmente, a introducir novas medidas para que este tipo de situacións non se repitan nin deterioren servizos públicos fundamentais, creando un buzón de denuncias anónimas para protexer a quen sinale irregularidades.
Xan Xove propuxo “tomar a iniciativa política para ter limpeza na limpeza e aplicar medidas pioneiras, para que a situación actual non se repita”. “Falamos de servizos decisivos para unha cidade, e non deberían ser nunca obxecto de crítica fácil e oportunismo político. Por iso o que traemos hoxe aquí é unha proposta, unha serie de achegas e iniciativas que beneficiarán a cidadanía. Hoxe trasladámosllas a Inés Rey pero, se o goberno non as aplica, farao despois de maio o novo goberno da cidade, no que estará a Marea Atlántica”,
A primeira medida debería ser “que as empresas realicen a contratación de persoal a través dun proceso público, transparente e con criterios obxectivos. E ao ser un cambio que non ten custo económico engadido, as empresas non poderán negarse”. Así, as ofertas de emprego deberán ser públicas nas webs das empresa e do Concello, e abertas, podendo presentarse calquera persoa interesada.
Os criterios de selección deben ser tamén públicos, obxectivos e automáticos, e deberá publicarse a lista coa puntuación desagregada de todas as persoas candidatas. Ademais, deberán coñecerse os nomes de quen forme parte da comisión de valoración das candidaturas, na que non poderán estar representantes persoas con conflitos de intereses.
En paralelo, o Concello pode poñer en marcha unha canle de denuncias anónimas nos servizos de recollida de lixo e limpeza viaria. Un buzón confidencial que garanta a seguridade e o anonimato das persoas que denuncien irregularidades. Pode facerse no marco da Lei 2/2023, de 20 de febreiro, reguladora da protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción.
Deste xeito, tal e como explicou o noso candidato, “o Concello pode abrir camiño para garantir que a selección de persoal se realice con criterios xustos, obxectivos e transparentes, ao tempo que se salvagardan os dereitos laborais, sen chegar a asumir competencias que non lle corresponden e que son responsabilidade exclusiva das concesionarias. Cremos que son medidas que beneficiarán a toda a cidade, e que se non se aplican agora, implantará un novo goberno local a partir de maio, coa Marea Atlántica”.
Esgotar os recursos dos novos contratos
Pola súa banda, María García explicou que os actuais contratos para estes dous servizos foron redactados e deseñados polo goberno da Marea Atlántica, aínda que entraron en vigor xa con Inés Rey como alcaldesa: o de limpeza viaria en xuño de 2020 e o de recollida de lixo en abril de 2021. “E trátase de contratos que aumentaron moito a capacidade de control do Concello sobre as empresas concesionarias, moito maior do que tivemos no pasado mandato, por iso instamos o goberno local a aproveitala ao máximo”.
En primeiro lugar, introducíronse cláusulas sociais e laborais, de modo que as empresas de recollida de lixo e limpeza viaria teñen a obriga de respectar os convenios colectivos vixentes e a legalidade laboral, promover a igualdade entre homes e mulleres e a integración de persoas con discapacidade, en situación vulnerable ou con problemas para incorporarse ao mercado laboral. “E o Concello ten, agora, ferramentas para garantir que se cumpran e que deberían estar a utilizarse a pleno rendemento”, segundo sinala María García.
Este control pode e debe exercerse especialmente nos casos de subcontratación de servizos con empresas de economía social, onde a área de Medio Ambiente pode intervir e reclamar que os dereitos laborais das traballadoras e traballadores queden plenamente garantidos acorde a lei. Esta ferramenta introduciuse no novo contrato para dar a oportunidade a pequenas empresas de acceder a servizos públicos que, se non, adoitan rematar en mans de multinacionais coma Ferrovial, á que xa tivemos na Coruña e cuxa solidariedade quedou demostrada a semana pasada coa súa fuxida a Holanda.
Finalmente, o goberno local tamén ten capacidade de exercer a vixilancia e o control de calidade dos servizos de limpeza e recollida de lixo, para garantir que están cumprindo os contratos, pois os pregos inclúen indicadores, método e baremo para penalizar economicamente ás concesionarias en caso de servizos deficientes. De detectarse que faltan prestacións ou que non se están a cumprir coa debida calidade, o Concello pode sancionar á empresa.