Saltar ao contido
Planta de Nostián

María García: “Canto máis tarde o goberno en licitar a nova concesión, maior risco de ter que pagar grandes indemnizacións a Albada” 

Pregámoslle á concelleira Fontán que explique aos grupos municipais o modelo de residuos do goberno. “Malia as boas palabras, remataremos o mandato sen un contrato novo”.

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, volveu a reclamarlle hoxe celeridade ao goberno local para licitar a concesión de Nostián, caducada desde o 1 de xaneiro de 2020, tras o revés xurídico que vén de sufrir o Concello ao declararse irregular a intervención da planta decretada pola alcaldesa nesas datas. “Foi unha decisión que agora corre o risco de traducirse en indemnizacións millonarias para a empresa Albada, que nunca ata o de agora lle gañara un xuízo ao Concello. A única solución é que entre en vigor un novo contrato, canto antes”, resumiu García.

Así o trasladou a nosa portavoz na Comisión de Medio Ambiente celebrada hoxe, na que instou ao executivo compartir con todos os grupos políticos o modelo de residuos que operara na cidade nas vindeiras décadas. Tal e como lembra García, “no traspaso de poderes, a Marea Atlántica entregoulle ao novo goberno uns pregos practicamente listos para licitar. Rexeitáronos e empezaron dende cero, pero en tres anos non foron quen de poñer unha alternativa en marcha. 

A concelleira Fontán evitou concretar unha data para abrir a nova licitación do tratamento de residuos en Nostián, “posiblemente no outono”. Sería difícil de xustificar que este mandato rematase sen ter iniciado sequera o proceso.

Oportunidade perdida en parques e xardíns

Doutra banda, trasladamos tamén na Comisión as demandas do Comité de Empresa de Althenia, unha das empresas concesionarias do mantemento de parques e xardíns na Coruña: co novo contrato en licitación, o soldo é diferente segundo o barrio no que traballes. É unha consecuencia do reparto de lotes, que o goberno debería ter revisado hai xa un ano. A concelleira Fontán non se comprometeu a resolver o problema, perdendo a oportunidade de poñer orde nunha situación absurda. Volveremos levar o asunto ao Pleno deste xoves. 

Reclamámoslle ao goberno local que licite canto antes a concesión de Nostián, caducada desde hai case tres anos