Saltar ao contido

A contratación das obras para rehabilitar un edificio de cinco vivendas, por un importe de 1,75 millóns, forma parte do acordo para os Orzamentos 2022

Tamén se aproba unha nova liña de axudas, froito do acordo entre os dous grupos, para que as coidadoras de maiores ou dependentes poidan ter respiro

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a licitación das obras necesarias para rehabilitar o edificio situado na esquina entre as rúas Marqués de Pontejos e San Nicolás, para destinar as súas cinco vivendas a fins sociais. Estes traballos, que terán un importe de 1,75 millóns de euros, forman parte do acordo entre a Marea Atlántica e o PSdeG que fixo posible a aprobación dos Orzamentos 2022 no Concello da Coruña. Froito deste pacto, tamén se aprobou a creación dunha nova liña de axudas para o autocoidado e o benestar das persoas coidadoras.

Para María García, voceira da Marea Atlántica, “trátase de dúas medidas que beneficiarán a colectivos vulnerables, e que chegan grazas ao entendemento entre dous grupos políticos e ao cumprimento de acordos. Amosan que as políticas públicas dun Concello poden chegar a lugares e dereitos que é moi necesario protexer”,

A rehabilitación en Pontejos para vivenda social é un proxecto que comezou no mandato anterior, coa compra do inmoble e a elaboración do proxecto, e que remata agora a súa tramitación co contrato das obras. Non só permitirá rehabilitar un edificio ruinoso en pleno centro da Coruña, mellorando a calidade urbana, senón que aumentará o parque municipal de vivenda e porá cinco novos pisos a disposición das persoas vulnerables que o precisen.

As obras, que sairán a concurso, terán un custo total de 1.754.136,23€, e repartiranse en dúas anualidades. Este ano está previsto investir 297.532,41 €, mentres que os 1.456.603,82 restantes asumiranse en 2023. O importe viuse incrementado nun 47% sobre o previsto nun comezo, debido ao aumento do custe dos materiais no último ano.

Actualmente, o orzamento en vigor conta con 3,6 millóns de euros para a promoción de vivenda pública en solo municipal, preferiblemente dentro do tecido urbano xa consolidado e con acceso a servizos. É unha medida que se inclúe no pacto polo dereito a vivenda asinado pola Marea Atlántica e o goberno local.

250.000 euros para que as coidadoras teñan un respiro

Na Xunta de Goberno Local de hoxe tamén foi aprobada a posta en marcha dunha convocatoria de axudas para promover o benestar e o autocoidado das coidadoras de persoas dependentes, financiada con 250.000 euros da área de Servizos Sociais. Unha iniciativa que comeza como proxecto piloto, que pode chegar a 500 familias,  e que tamén se incluía no pacto entre o PSdeG e a Marea Atlántica para a aprobación dos presupostos municipais vixentes. A alcaldesa, Inés Rey destacou que se trata dunha iniciativa pioneira para “coidar a aqueles que coidan a outros e que asumen moitas veces unha inmensa carga de traballo que, con esta iniciativa, buscamos cando menos aliviar”.

Trátase dunha prestación dirixida a persoas coidadoras, empadroadas na Coruña. que atendan a dependentes de grao III e que teñan concedido o  Servizo municipal de Asistencia no Fogar. Cada solicitante poderá optar a 500 euros, cos que financiar servizos como fisioterapia, formación, atención psicolóxica, practicas deportivas…

Esta axuda vai dirixida directamente ás persoas coidadoras, consideradas un colectivo vulnerable polo desgaste físico e mental que supón atender a alguén cunha gran dependencia, incluíndo o illamento social e a perda de poder adquisitivo, xa que é habitual que deban reducir xornada ou deixar o emprego remunerado. O seu traballo invisible é fundamental para a vida.

Parches insuficientes na Maestranza

Porén, temos que lamentar que o goberno local aprobase hoxe o novo estudo de detalle para levantar un edificio de vivendas na parcela 2 do Campo da Estrada, na Maestranza. “É un intento da construtora por sortear as alegacións presentadas pola Marea Atlántica e a Comisión en Defensa do Común, así coma o informe de Patrimonio da Xunta, un intento que o goberno local non debería facilitar”, como declara María García.

Tanto as nosas alegacións coma o informe autonómico esixían unha redución das alturas do edificio e estudos arqueolóxicos a fondo, xa que no Campo da Estrada hai documentados restos das murallas da Coruña. E trátase dun dos últimos espazos libres que lle quedan á Cidade Vella, declarada conxunto histórico artístico desde 1984.

Finalmente, desde a Marea Atlántica saudamos o avance dun proxecto herdado do mandato anterior e que forma parte tamén dos acorddos de investidura: o espazo xuvenil das Naves do Metrosidero, ao aprobarse hoxe a licitación dos contratos necesarios para adaptar o proxecto e os sistemas de ventilación. Pedímoslle ao goberno local que axilice ao máximo os trámites de licitación para que a mocidade poida facer uso deste espazo deseñado para ela, a través dun amplo proceso cidadán.

Licitadas as obras para a creación de vivenda social na rúa Marques de Pontejos, froito do pacto entre a Marea Atlántica e o goberno local