Un grupo de startups con sede na cidade están a impulsar esta iniciativa, que pode reforzar o papel da Coruña no sector das TIC e crear postos de traballo de calidade
O Centro Municipal Accede Papagaio ten unha ampliación pendente de inauguar, que sería ideal para este proxecto
A voceira municipal e o voceiro provincial da Marea Atlántica, María García e Alberto Lema, reuníronse esta semana coa representación dunha vintena de startups coruñesas, que están a impulsar o proxecto de crear unha lanzadeira de empresas tecnolóxicas emerxentes, vinculada a Cidade das TIC, que facilite o emprendemento. Un proxecto que axudaría a crear emprego de calidade e reforzaría o papel da Coruña como referente do sector tecnolóxico en Galicia, na liña que se impulsou no pasado mandato a través de programas como Coruña Dixital.
A proposta é crear dous espazos vinculados, un especializado en axudar e impulsar startups tecnolóxicas nas súas fases iniciais. E outro situado nos terreos da antiga fábrica de armas, no que poidan instalarse as empresas na súa fase de consolidación e crecemento. A referencia son iniciativas exitosas como Barcelona Tech, Lanzadera en Valencia ou o Google Campus en Madrid.
“Cremos que sería unha aposta beneficiosa para toda a cidade, e o Concello da Coruña debería implicarse e axudar a constituír ese primeiro espazo de lanzamento. O Centro Municipal Accede Papagaio, en Panadeiras, sería unha boa aternativa, polos seus servizos e ubicación”, sinala María García.
As startups son empresas emerxentes, pensadas para medrar rápido, a miudo cunha alta compoñente tecnolóxica e desenvolvidas a partir dunha idea innovadora. Nos seus comezos, son empresas pequenas e medianas, que dependen máis dunha rede de contactos e un ecosistema tecnolóxico que lles permita medrar que de grandes espazos para oficinas.
O 55% do emprego tecnolóxico de Galicia está na Coruña
A Coruña xa é, de feito, unha cidade das TIC, con máis de 500 empresas vinculadas á tecnoloxía e concentra o 55% do emprego deste sector en Galicia, segundo se recolle no proxecto. A innovación e as novas tecnoloxías son, desde logo, un sector que debe potenciarse nun modelo económico con futuro. Non só crea postos de traballo de calidade, senón que resulta decisivo á hora de afrontar problemas como a democratización do acceso á información ou a loita contra o cambio climático.
Neste sentido, reclamamos tamén a continuidade do programa Coruña Dixital, posto en marcha polo goberno da Marea Atlántica, para facilitar a conexión das persoas que traballan na cultura dixital, no uso creativo da tecnoloxía e o emprendemento con capacidade innovadora.