Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Juana Rivas está en liberdade. A noticia correu como a pólvora a través das redes sociais. Palpabel a ledicia de todo o feminismo, que estivo ao seu carón durante todos estes días nos que Juana permaneceu en paradoiro descoñecido, fuxida para protexer a súas crianzas da inxustiza. ¨Juana Rivas está na miña casa¨, líase nos milleiros de carteis compartidos.

A Lei de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, na súa actualización do 2015, considera que os fillos e fillas dunha muller agredida polo machismo son vítimas tamén, aínda que neste caso os tribunais preferiran ignoralo.

Un pouco de aire para Juana

Ademais da liberdade provisional, Juana non terá que entregar aos seus fillos a un pai condenado por maltrato, xa que o proceso queda polo momento paralizado. Un pouco de aire para Juana, un pouco de aire para todas, necesario para coller folgos porque aínda queda moita loita.

O que temos claro é que o traxecto que levamos percorrido é o que nos levou ata aquí, e que non pensamos en retroceder nin un metro.O feminismo é sentido común e Dereitos Humanos. O feminismo é democracia, porque a propia democracia susténtase na base da igualdade. Unha non pode ser demócrata e anti feminista.

Pódese levar a cabo unha desobediencia civil pacífica que nos leve a conseguir que ningunha Juana teña que estar por medo na casa de ninguén, para que todas as Juanas estean na casa que queiran: na súa.

Un logro da mobilización social

O traballo nas rúas, medios e redes sociais foi decisivo. Unir, para loitar xuntas contra ese sentimento patriarcal que nos oprime e violenta. Fundamental a mobilización que visibiliza e leva a todas as esferas da sociedade o problema da violencia contra as mulleres. Nos xornais, nas redes, nas rúas…

Non podemos esquecer todas e cada unha das batallas nas que estivemos e estamos inmersas. Moitas cousas foron cambiando grazas a loita do feminismo, grazas a sororidade. Lembremos a derrogación da Lei do aborto, que causou a caída do ministro Gallardón e que rematou como un gran fracaso.

O traballo do feminismo resultou decisivo e ensinounos que unidas temos máis forza, unha forza imparabel. É importante lembrar cada vitoria para entender que xuntas nos movemos, que xuntas sumamos, que xuntas… gañaremos. Esa mesma tarefa de concienciación debe chegar a todas as institucións para entender que a xustiza non pode aferrarse a unha lectura fundamentalmente (ou exclusivamente) punitiva da lei.

Hoxe é día de ledicia e orgullo feminista. Un respiro. Mañá seguiremos loitando, pero hoxe, hoxe, hai un cartel inmenso que di que Juana está na súa casa.

Juana Rivas xa está na súa casa