Tería sido unha bonita iniciativa, pero esta foi a nosa brincadeira para o 28 de decembro de 2015. Grazas a todas as que a divulgaron 😀
Ás nove da mañá de hoxe daba comezo unha breve pero intensa videoconferencia entre os alcaldes de A Coruña e Cádiz, Xulio Ferreiro e José Mª González Kichi. Os dous acordaron sumarse á iniciativa de intercambio de alcaldes que se puxo en marcha na rede de Cidades Rebeldes, seguindo o exemplo exitoso dalgunhas cidades nórdicas, coma Högsten e Trysil, en Suecia. Deste modo, durante as primeiras semanas de 2016 os dous rexedores cambiarán os seus postos para estreitar os lazos entre dúas cidades que levan xa dez anos irmandadas. Ada Colau, alcaldesa de Barcelona, e Manuela Carmena, rexedora de Madrid, xa anunciaron que porán en práctica unha inicativa similar, para rematar con anos de rivalidades entre as dúas máis grandes cidades de España.
Ferreiro e González explicaron que a idea comezou a xestarse nos encontros de Cidades Rebeldes celebrados en Barcelona e A Coruña, e que agora se concreta para fomentar a cooperación, explorar iniciativas e compartir as políticas que ambas as cidades puxeron en marcha durante os últimos meses. As datas concretas fixaranse en función das axendas dos dous alcaldes.

“A Coruña e Cádiz son cidades irmás desde 2005, grazas a unha iniciativa posta en marcha por Paco Vázquez e Teófila Martínez. Sen embargo, até agora fora un brinde ao sol, sen ningunha utilidade real. É o momento de ir máis alá e estreitar a colaboración norte-sur, comezando polas alcaldías”, asegurou Ferreiro. E engadiu que o seu desexo é intentar que o intercambio coincida co Entroido, para poder tomar parte tamén nas tradicionais chirigotas. “Xa estou pensando algunhas cuartetas, e teño gana de catar o pescaíto frito e visitar o busto de Paco Alba”.
Pola súa parte, José María González, de pai galego, prometeu que durante o seu período como alcalde en funcións de A Coruña aproveitará para mellorar o seu dominio da lingua galega, que xa demostrou nalgúns discursos. Tamén asegura que fará todo o posible para axustar a súa axenda aínda que lamentou as datas. “Encantaríame ver en directo aos famosos choqueiros de Monte Alto e compartir ideas con eles, pero case prefiro pasar o Entroido en Cádiz e amosarllo a unha delegación do Concello da Coruña”.
A través deste intercambio, ao que tamén se sumarán membros dos equipos das alcaldías, A Coruña e Cádiz compartirán ideas en materias como os orzamentos participativos, as ordenanzas fiscais máis xustas, e a xestión responsable das contas municipais. “Ao fin e aocabo, os dous atopámonos con que os anteriores gobernos do PP deixaron as arcas baleiras”, lembrou Ferreiro. “E non queremos que iso volva repetirse”, afirmou González.
_________________________________________________________________
José Mª González “Kichi” y Xulio Ferreiro intercambiarán temporalmente sus alcaldías