Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Isabel Faraldo concorreu a título individual na lista encabezada por Xulio Ferreiro. A única opción honesta, ética e democrática é que se sume ao Grupo Municipal da Marea Atlántica en igualdade de condicións co resto das concelleiras

A Coordinadora da Marea Atlántica reclámalle a Isabel Faraldo que reconsidere a decisión de entrar en María Pita como concelleira non adscrita en lugar de integrarse no noso Grupo Municipal. Pedímoslle que non protagonice unha nova operación de transfuguismo en María Pita.

Isabel Faraldo concorreu ás eleccións municipais de 2019 na lista da Marea Atlántica, como inscrita na Marea Atlántica, cos avais das compañeiras e os compañeiros da Marea Atlántica que esixía o regulamento de primarias e comprometéndose, por escrito, coa defensa dos principios básicos da Marea Atlántica e co cumprimento do Código Ético da Marea Atlántica. A única opción honesta, ética e democrática é que Isabel Faraldo se sume ao Grupo Municipal da Marea Atlántica en igualdade de condicións co resto dos concelleiros e as concelleiras. Nese sentido, reiteramos o convite que xa lle trasladamos persoalmente nos últimos días.

A Marea Atlántica non se presentou ás eleccións do ano pasado como unha coalición de partidos, senón como unha confluencia de distintas sensibilidades, de adscrición individual. Polo tanto, o argumento de reclamar “visibilidade” para unhas siglas que nunca concorreron ás urnas non é xusto coas 25.290 coruñesas e coruñeses que votaron á Marea Atlántica o 26 de maio de 2019, acreditando na confluencia.

Unha ruptura unilateral

A Coordinadora reclama, ademais, a Podemos Galicia que reconduza a situación. De confirmarse a decisión da que tivemos noticia a través dos medios de comunicación, Podemos Galicia, rachando de xeito unilateral as conversas sen dar opción ao diálogo, estaría a alentar unha nova operación de transfuguismo no Concello da Coruña. Sería a segunda tras a protagonizada por unha edil de Ciudadanos, hoxe integrada no goberno municipal de Inés Rey mediante un nomeamento ilegal contra o que presentamos a semana pasada un recurso de reposición.

Dende a Marea Atlántica lamentamos a deriva de Podemos en Galicia, que lonxe de facer unha análise autocrítica dos resultados das eleccións autonómicas do 12 de xullo, parece querer insistir na ruptura dos espazos de confluencia, a liquidación do capital político acumulado nos últimos anos e o agravamento do deterioro da confianza da cidadanía nos nosos proxectos políticos. Non nos votaron para isto.

Antes de que remate a semana convocarase á Rede, a asemblea da Marea Atlántica, para analizar a situación e completar este posicionamento.

A Marea Atlántica reclámalle a Podemos Galicia que reconsidere a súa decisión e non caia no transfuguismo